Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avanza a rotonda que dará acceso á area comercial da Revolta que abrirá en 2023

Estimase que o tráfico rodado duplicarase nun periodo de vinte anos nesa zona de Carballo // A glorieta terá tres ramais activos e máis adiante habilitarase o cuarto

En Carballo traballan con vistas ao futuro e, pensando no aumento do tráfico na AC-552 no horizonte de dúas décadas, están xa en marcha os traballos de construción da rotonda que dará acceso á futura área comercial da Revolta, que prevé abrir as súas portas no vindeiro ano.

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, Milagros Lantes, visitaron as obras de construción da gran glorieta que regulará os accesos á capital de Bergantiños nesa zona. Unha infraestrutura que está contemplada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, aprobado definitivamente no ano 2016, para mellorar o cruce da estrada comarcal co sistema viario do ámbito de solo urbanizable terciario no que se está a construír o Parque Comercial A Revolta.

Dado que a glorieta está situada, en parte, nese ámbito e ademais constitúe un dos accesos ao mesmo, en outubro do ano 2019 asinouse un convenio urbanístico entre o Concello de Carballo e a empresa promotora para a construción da rotonda, que, dado que se sitúa nunha vía de titularidade autonómica, conta tamén coa aprobación da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Aínda que a glorieta contará con catro ramais, no momento da súa posta en marcha terá só tres activos: os dous da estrada AC-552 e o da rúa Laranxeiras, que constitúe o acceso ao sector comercial. O cuarto, previsto no PXOM para o cuadrienio 2028- 2032, permitirá no seu momento continuar a rúa Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ata ese punto da avenida da Revolta, pechando a ordenación do solo urbano cara o parque fluvial da Cristina.

O proxecto en execución ten en conta as necesidades de mobilidade nun horizonte de vinte anos, no que se calcula que o tráfico nese punto pode duplicarse, “en boa parte debido á incidencia que terá sobre o mesmo a entrada en funcionamento do Parque Comercial A Revolta, prevista para o ano que vén”, afirman dende o goberno local.

As obras da rotonda son executadas por Excavaciones y Obras Candal, cun orzamento de 197.218,86 euros e un prazo de execución de cinco meses. O responsable da empresa acompañou ao alcalde e a concelleira durante a visita aos traballos, que se centran nestes momentos na construción dos muros de contención que permitirán resolver a xeometría da glorieta proxectada.

POLÍGONO. Por outra banda, o alcalde carballés e os concelleiros de Promoción Económica, Xosé Regueira, e Obras e Servizos, Luis Lamas, mantiveron unha xuntanza de traballo coa xunta directiva do polígono industrial de Bértoa, a primeira tras o recente proceso de unificación das dúas fases do parque empresarial e de renovación dos seus cargos directivos.

A nova presidenta, Raquel Rodríguez, acompañada polo secretario, José Ángel Vázquez, e polo xerente do polígono, Pablo Rodríguez, plantexáronlle aos representantes municipais a necesidade de mellorar as infraestruturas de telecomunicacións, e tamén proxectos como a construción dun aparcamento para vehículos pesados.

A este respecto, o goberno local informou de que esta obra xa está en licitación por parte do Concello por un importe de 243.259,84 euros, e que as empresas interesadas teñen de prazo ata o día 13 para presentar as súas ofertas. Ademais do acondicionamento dunha gran área de estacionamento para camións, a actuación inclúe o pintado da sinalización horizontal, a instalación de sinalización vertical e a dotación de tres novas barreiras de seguridade.

Tanto o alcalde coma os concelleiros deron a benvida á nova xunta directiva do polígono e reiteraron a disposición do goberno municipal “a seguir acometendo e reivindicando ante as administracións competentes as infraestruturas, servizos e melloras precisos para que o polígono industrial de Carballo continúe sendo un referente en Galicia pola súa actividade, o seu dinamismo e o bo facer das empresas locais”.

03 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.