Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avanzan os traballos para completar o saneamento e o abastecemento de Berdillo

En contratación está o proxecto da rede de auga potable dende Lema ata Pedra do Sal

O Concello de Carballo está a completar as redes de abastecemento e saneamento na parroquia de Berdillo. A actuación, que ten un orzamento de 275.000 euros, permitirá estender estes servizos aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, cun total de 32 vivendas.

Con este proxecto completase un investimento de case 3 millóns de euros en obras hidráulicas realizadas entre o ano pasado e o actual para estender as redes de auga e saneamento a 40 lugares de 12 parroquias. Neste momento tamén están en marcha, moi avanzadas, as obras das redes aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa, cun orzamento de 368.311,59 euros, e a mellora da rede de abastecemento na rúa Vázquez de Parga, con 42.719,04. En breve arrincará tamén o abastecemento e saneamento de Cambre e O Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), cun investimento de 416.971,86 euros.

Na zona costeira, despois da recente entrada en servizo do abastecemento a Lema, está en contratación a extensión da rede ata Pedra do Sal. Esta nova traída, cun orzamento de 687.472,26 euros, completará un investimento que supera os 3,2 millóns de euros e que permitirá dotar de auga de calidade e en cantidade a boa parte do litoral. O proxecto arrincará no lugar do Igrexario, en Lema. A rede estenderase ao longo de 12.403 metros de tubaxes de distintos diámetros, dotando do servizo aos núcleos de Vilar de Peres, Constenla, Rebordelos e Sambade (parroquia de Rebordelos), Imende e Casadelas (Noicela), e Sambade e Pedra do Sal (Lema). En total, 419 habitantes, segundo os últimos datos oficiais do censo.

Ademais, dentro do POS+ Complementario, á espera da autorización da Deputación da Coruña, o Concello carballés contratará novas obras relacionadas co ciclo integral da auga, como as melloras na rede de abastecemento de auga de distintas rúas da zona urbana, co obxectivo de aumentar a eficiencia do servizo, evitar fugas e seguir eliminando tubaxes de fibrocemento (169.192,22 euros). Ademais, acometerán a conexión dos depósitos das dúas captacións de auga no Bardoso e no Anllóns para que, no caso de que se produza algunha incidencia, poidan separarse as redes e funcionar independentemente (145.158,91 euros). Contemplanse tamén as redes de saneamento e abastecemento a Vila de Uz, en Oza (230.194,51 €). Con esta actuación completarase a práctica totalidade dos servizos na parroquia de Oza, na que veñen de rematar tamén as obras para estender o subministro a Serantes, e tamén ao núcleo de Xoane (Goiáns).

21 sep 2021 / 19:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.