Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Avanzan os trámites para habilitar o futuro parque empresarial de Coristanco

Vinte promotores demandan máis de 40.000 metros cadrados // Xunta e Concello axustarán custos para impulsar o proxecto

Unhas vinte empresas están interesadas en asentarse no futuro parque empresarial de Coristanco segundo o estudo de demanda promovido polo Concello, que onte foi presentado polo alcalde, Juan Carlos García, ao director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.

A demanda plantexada polos empresarios que solicitan solo ascende a 40.200 metros cadrados, polo que, nunha primeira fase, tanto a Xunta como o Concello concordan en que será necesario urbanizar unha área duns 60.000 metros.

Segundo informou o rexedor, entre os demandantes figuran cinco talleres e concesionarios de automóviles, que demandan 10.000 metros cadrados; catro comercializadores de patacas e froitas, que solicitan 5.000 metros; tres carpinterías metálicas que precisan doutros 5.000; cinco empresas de obras e construción que necesitan 7.200; outra de servizos forestais, que solicita 1.000 e unha de loxística (a única que non é de Coristanco) que demanda unha parcela de 10.000 metros.

Ademais, Juan Carlos García sinalou que o Concello tamén está interesado en dispor dunha parcela para construír unha nave que sirva de base para as brigadas de obras e a maquinaria municipal, “pois non dispoñemos de ningún espazo para esto”.

A acreditación da demanda era un dos requisitos establecidos polo IGVS para continuar coa tramitación do parque empresarial. Na xuntanza mantida este mércores polo director xeral e o alcalde acordaron realizar un estudo para estimar o prezo de venda que terían as parcelas urbanizadas dunha primeira fase. O obxectivo é atopar canais de colaboración que permitan fixar o prezo máis baixo posible para facilitar a implantación de empresas.

Unha vez examinados os custes e as canles de colaboración entre o IGVS e o Concello de Coristanco, poderán avanzar nos traballos técnicos necesarios para tramitar a redacción do proxecto.

A este respecto, Juan Carlos García agarda que “máis pronto que tarde poidamos axustar os custes” para poder licitar o proxecto e confía que neste ano a área empresarial poida coller forma.

Paralelamente, o rexedor asegura que, dende o Concello acometerán as actuacións e xestións necesarias para dispoñer da subministración eléctrica precisa e doutros servizos, como o saneamento, e tamén concretar os accesos ao futuro parque.

Parámetros todos eles que, engadiu, “é preciso concretar tamén para poder axustar ao máximo o custe final que poidan ter as parcelas”. Coa finalidade de abaratar todo o posible, o Concello aproveitará tamén outras actuacións, como a construcción dunha nova senda peonil que unirá Coristanco con Carballo “para deixar xa instaladas as canalizacións precisas de abastecemento de auga e saneamento”, entre outras.

Á area reservada para o parque empresarial está ubicada nas proximidades do acceso a autovía AG-55, que une Baio (Zas) coa Coruña, moi preto do límite co Concello de Carballo. Inicialmente está previsto desenvolver unha primeira fase para atender a demanda existente.

A idea de crear o parque empresarial vén de anos atrás, e agora o goberno que preside Juan Carlos García decidiu reactivala, logo de realizar un estudo que avala a viabilidade do proxecto.

24 feb 2021 / 20:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.