Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Axudas para a mellora de áreas deportivas en tres concellos de Bergantiños

En Laxe acondicionarán as instalacións da piscina municipal // Nos pavillóns laracheses e no de Cabana farán varios arranxos

Os concellos de Laxe, Cabana e A Laracha verán melloradas as súas instalacións deportivas a través dun investimento total de 69.000 euros por parte da Administración autonómica. Así o confirmou onte o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita á vila laxense, onde estivo acompañado polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez.

O mandatario autonómico visitou a piscina municipal descuberta situada no Cabo de Area, na que a Xunta investirá 20.000 euros para levar a cabo melloras e adecuación das súas instalacións.

A axuda autonómica permitirá o arranxo e adecuación da zona de praia da piscina, a reposición e reparación da instalación da iluminación exterior, a reposición da porta traseira da caseta de instalacións, a substitución e reposición dos biombos de vidro que conforman o corta ventos na zona norte da instalación, a reposición da base de ducha exterior e a substitución da reixa do desaugadoiro perimetral, entre outras melloras, segundo informou Gonzalo Trenor.

O mandatario autonómico comprobou as necesidades da referida instalación deportiva que, segundo indicou o concelleiro de Obras de Laxe, Eulogio Constantino Castiñeira, “queremos ter a punto para que cando chegue o verán poidan desfrutar da mesma todos os veciños e vistantes nas mellores condicións”.

O alcalde e o concelleiro aproveitaron a visita de Gonzalo Trenor para avaliar tamén outras actuacións necesarias na capital municipal. A este respecto, o edil de Obras sinalou que “falamos de mellorar a recollida de augas pluviais en determinados puntos da vila”. Está previsto que o delegado da Xunta volva a visitar a vila nunhas semanas para abordar este e outros asuntos de interés municipal, “pois hai que preparar as memorias e concretar os traballos necesarios”, afirmou Eulogio Constantino.

COLABORACIÓN. Ademais, o Goberno galego investirá neste ano algo máis de 49.000 euros en outras dúas actuacións na comarca de Bergantiños para mellorar as instalacións deportivas de Cabana e A Laracha, en colaboración cos concellos.

No caso de Cabana de Bergantiños levarase a cabo o arranxo dos vestiarios do pavillón deportivo cunha axuda de 24.000 euros e na Laracha diferentes melloras nos seus pavillóns cunha achega de 25.000 euros.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.

Os traballos previstos serán executados nos vindeiros meses nos tres concellos beneficiarios das axudas.

02 mar 2021 / 20:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.