Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 diciembre 2021
19:37
h

Baile e música tradicional galega como xerme da Agrupación Cultural Arume

Foi creada en 1982, na parroquia carballesa de Verdillo e co paso dos anos fóronse incorporando novos cursos e actividades // Con todo parado, a súa intención é volver aos ensaios no mes de novembro

Moitas agrupacións culturais seguen apostando polo folclore tradicional galego a través do baile, a música e o vestiario como parte do patrimonio etnográfico da Comunidade. Un exemplo é a Agrupación Cultural Arume, nacida no ano 1982 na parroquia carballesa de Verdillo, á que se suma posteriormente no 1985 a Asociación Xuvenil Arume, máis centrada na xente nova. Xorde da iniciativa dun grupo de xente xoven que se encargaba nesa época do Teleclub, un espazo situado nos baixos da casa parroquial. Por aquel momento estaba parado e chegouse ao acordo de crear unha Asociación. Dende un principio, organizáronse actividades puntuais sendo pioneiro a música e o baile tradicional. “Hai xente que forma parte destes grupos e bandas dende a fundación de Arume”, conta María, secretaria da Agrupación. Música e baile tradicional, Escola de baile e pandeireta, grupo de baile de Bilitroque, Cantareiras de Arume, Gaita, Percusión e Acordeón é todo o que nos podemos atopar en Berdillo.

A maiores, ao longo do ano hai unha ampla oferta de cursos como pode ser: ximnasia de mantemento, corte e confección, iniciación á lingua galega, fotografía, cociña, obradoiro de encaixe de bolillos...

ACTUACIÓNS LOCAIS E FÓRA DO PAÍS. No apartado musical, o grupo de baile con máis vixencia é Bilitroque, creado no ano da fundación da Asociación. Detrás deste está a Escola de música e baile tradicional conformada por varios grupos. Moitos deles son coñecidos en toda a Costa da Morte pola súa participación en festivais. Como exemplo disto, as Cantareiras de Arume e o grupo de baile pechan cada ano o festival do Verán Cultural celebrado en Carballo. Froito do continuo traballo, as Cantareiras sacaron un disco no ano 2005 no que se presenta unha escolma da parte musical que se fixera en espectáculos etnográficos. As súas actuacións non son só a nivel Galicia senón que teñen participado en festivais de países como Francia, Suiza, Holanda, Cerdeña ou Portugal.

Previo aos concertos de folclore precísanse horas de ensaio e investigación de letras. Para iso contan hoxe en día cun local adaptado ao lado da Igrexa de Verdillo, que se comezou a construír no 1989 dando por finalizadas as súas obras sobre o ano 2000.

Para un mellor funcionamento Arume busca colaboracións.“Á Deputación solicitamos axudas para actividades culturais de baile e música e no Concello pedimos apoio cada ano para a actividade en xeral, como pode ser axudar a pagar ao profesorado”, explica María. A isto, engádese unha pequena cota que pagan anualmente os socios.

INCERTEZA ANTE A REANUDACIÓN DA ACTIVIDADE. Chegou o pandemia e co confinamento quedou suspendida toda a actividade de Arume relacionada co baile e canto. A secretaria recorda con tristeza o aprazamento do coñecido Albaroque de Arume, que se celebra cada ano ao rematar o curso. “O pasado mes de xullo celebraríase a 39ª edición pero non puido ser”, di. Fai uns meses só se reanudaron os bailes de ritmo latino e ioga aínda que cumplindo unha serie de medidas restrictivas.

Agora está todo no aire. “Xa mandamos o programa ao Concello coa idea de retornar en novembro pero hai moita incerteza”, comenta.

30 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.