Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bergantiños suma 112 novos positivos por covid nunha semana

Carballo é o concello con máis casos pero Cabana é o que ten unha maior incidencia

A área perimetrada da comarca de Bergantiños sumou 112 novos positivos por covid-19 na última semana, polo que os alcaldes solicitaron máis cribados durante a xuntanza telemática mantida este mércores co conselleiro de Sanidade, Julio García.

Na reunión, as autoridades sanitarias sinalaron que, nestes momentos, a comarca bergantiñana ten “a incidencia acumulada máis alta de todas as zonas que están perimetradas”, xa que a media supera os 800 casos por 100.00 habitantes.

Carballo é o concello con máis positivos en números absolutos, un total de 185, pero é o que ten a incidencia máis baixa, 577 casos por cada 100.000 habitantes. Pola contra, Cabana de Bergantiños, con 70 positivos ten a maior incidencia da zona (1.500 casos/100.000 habitantes). Na última semana constatouse que a situación está a empeorar en todos os municipios, ágas o de Laxe, onde hai agora 29 casos activos, seis menos que hai sete días.

En Malpica, pola súa banda, contan con 75 positivos confirmados, e en Ponteceso teñen 54. Dado que a tendencia se mantén á alza, dende a Consellería de Sanidade prevén que as restricións impostas a semana pasada van continuar polo menos ata o día 4 de decembro.

Segundo explicaron, estas medidas establécense nos concellos que acadan unha incidencia acumulada en 14 días superior aos 200-250 casos, e que se retiran cando esa incidencia baixa como mínimo a 125, polo que os seis concellos de Bergantiños afectados aínda están moi lonxe de acadar esas cifras.

Os alcaldes expresaron a súa preocupación e solicitaron da Consellería de Sanidade máis cribados entre colectivos sensibles. A este respecto, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, destacou a singularidade do CEIP Fogar, que é o colexio con maior incidencia de toda Galicia, e manifestou a preocupación da comunidade educativa, especialmente das familias, e a súa propia, polo que insistiu na necesidade de que se realice un cribado. O xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde, afirmou ao respecto que “do mesmo xeito que se fixo un esforzo co sector da pesca en Malpica vaise facer co colexio Fogar”.

Hai que sinalar que no CEIP Fogar hai 39 positivos activos e 9 aulas pechadas. Segundo os datos da Consellería de Sanidade a situación nos demais centros carballeses é a seguinte: CEIP Bergantiños (4), CEIP Gándara-Sofán (2), CPR Plurilingüe Artai (4), CRA Ponte da Pedra (3), IES Alfredo Brañas (6), IES Isidro Parga Pondal (1), IES Monte Neme (5) e Escola Infantil As Landras (1).

Verde Remeseiro confirmou, por outra banda, que este xoves están convocados traballadores de distintos servizos, como persoal de axuda no fogar, funcionarios que prestan atención ao público ou taxistas, entre outros, para facer un cribado.

VIMIANZO. Na xuntanza, ademais dos alcaldes de Bergantiños, tamén participou a rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que recibiu unha boa nova, a pesar da gravidade da situación, xa que o Concello, que tamén está confinado perimetralmente, reduciu nun 50% o número de casos, pasando de 161 no pico desta segunda ola aos 80 activos actualmente. Ademais, o Concello vimiancés pasa do nivel de alerta vermello ao laranxa, porque nos últimos días confirmáronse 19 casos (por debaixo de 21). Non obstante, piden que non se baixe a garda.

18 nov 2020 / 19:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.