Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Buscan fogar para sete mascotas da canceira carballesa

Dende que abriu atopáronlle familia a case 250 cans // Está aberta ás visitas os xoves e sábados

Aproveitando a celebración do Día Mundial dos Animais, dende o Concello de Carballo lembran a importancia da adopción para darlles unha oportunidade a eses cans e gatos que son abandonados cada ano. É o caso de Rocky, Fito, Jack, Tucha, Hook, Black e Lúa que esperan na canceira municipal por un novo fogar que os acolla.

O peludiño Tofee, que era o que máis tempo levaba na canceira, está xa coa súa nova familia dende hai uns días. A súa foi a cuarta adopción dende o levantamento do estado de alarma. Antes conqueriran un fogar Bobbi, Brais e Tessi. Dende o Concello carballés agardan que, agora que se desbloquearon as adopcións, “poder recuperar o antes posible, e mesmo mellorar, a media de trinta e catro adopcións anuais”.

Dende que o servizo está en marcha atopáronlle fogar a case 250 mascotas, pero queren que sexan moitas máis. Lembran que o 25 % dos animais que chegan á canceira municipal son animais perdidos, que acaban sendo reclamados polos seus propietarios e regresan aos seus fogares, “pero a gran maioría son cans e gatos abandonados”.

Quenes desexen coñecer aos sete que agardan agora por unha familia poden ver os seus datos e fotografías a través do enlace http://carballolimpo.com/contido/canceira/adopcion.php?idioma=gl. Non obstante, dende o Concello convidan a quenes teñan pensado acoller a algunha desas mascotas a que visiten a instalación municipal, situada no polígono industrial de Bértoa, a cal está aberta os xoves e sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Darlles unha segunda oportunidade é doado e barato. Os trámites de adopción, que incluén a xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Animais de Compañía, custan 50 euros.

Ademais da canceira, que está xestionada pola empresa Servigal, o Concello carballés mantén nestes momentos outros 14 cans de razas potencialmente perigosas nunha instalación privada.

Fan un chamamento á responsabilidade dos propietarios, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado como unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros.

03 oct 2020 / 16:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.