Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Buscan solucións para a recorrente acumulación de area na praia de Laxe

Bergantiños. A Xunta porase en contacto coa Dirección Xeral de Costas para pedir información e analizar posibles solucións á acumulación de area que se vén detectando de forma recorrente nunha parte da praia de Laxe. Así o comprometeu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, con representantes do Concello. Tal e como lle trasladou o tenente de alcalde, Francisco Charlín, desde que se construíu o novo porto, cada ano se acumula area na zona do espigón antigo, á beira do paseo marítimo, o que fai necesario que Costas traslade o sobrante a outras zonas da praia.

Esta situación está a xerar inquedanza e malestar na veciñanza xa que a area acumulada chega a obstaculizar a visibilidade do areal desde a zona urbana. Pola súa parte e ante o problema exposto, a conselleira asumiu o compromiso de falar cos responsables do organismo estatal e tentar mediar para acadar unha solución satisfactoria na que se aborde a retirada da area atendendo en todo momento, como non podería ser doutro xeito, á protección do areal.

Por outra banda, Ángeles Vázquez informoulles aos representantes municipais sobre o estado de tramitación do plan de xestión da Paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural de 212 hectáreas situado entre Vimianzo e Laxe, e que desde o punto de vista xeolóxico supón unha prolongación ao leste da serra da Pena Forcada.

O acordo de inicio para elaborar este documento saíu publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 11 de agosto e nestes momentos, está pendente de que se someta a memoria inicial do plan de xestión da paisaxe protexida ao procedemento de participación pública.

02 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.