Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cabana ampliará o paseo marítimo para revalorizar o seu bordo litoral

A actuación abarcará o tramo comprendido entre O Curro e o monte San Sebastián

Cabana. O Concello de Cabana proxecta a ampliación do paseo marítimo no tramo entre O Curro e o Monte San Sebastián, que suporá a recuperación ambiental e a posta en valor do bordo litoral ao longo de máis dun quilómetro.

Investirán 234.987,15 euros, e para iso solicitaron unha subvención ao Grupo de Acción Costeira GALP Costa da Morte, que financiaría os traballos nun 80%. O goberno local acadou o mutuo acordo con todas as persoas propietarias para iniciar o expediente de expropiación, xa que hai dificultade á hora de demostrar a titulariedade dos bens.

O obxectivo principal é, por unha banda, ambiental, e por outra, facilitar o acceso e goce desta infraestrutura pola poboación do municipio. Dentro deste plan tamén está a idea de crear un novo miradoiro de aves, tras o xa instalado na praia de Orixeira, dada a riqueza ornitolóxica do estiario do Anllóns.

Para executar este proxecto procederase ao previo acondicionamento da zona para pavimentar a senda peonil de 2,50 metros en zahorra e area, estabilizado con bordos de madeira tratada nas súas marxes. Nas zonas de pendente colocaranse bordos en formación de chanzos transversais. Para facilitar a drenaxe das augas de escorrentía, executaranse cunetas en ambas marxes da senda e embocaduras integradas na contorna.

Está previsto instalar, ademais do observatorio de aves en madeira, de bancos de granito, papeleiras de madeira, bolardos extraíbles para limitar o acceso rodado á senda e paneis de sinalización e interpretación. Colocarase unha baranda de madeira tratada e empregaranse materiais construtivos acordes coa contorna. Dada a exposición ao ambiente mariño, todo o material garantirá a protección necesaria para un axeitado mantemento das instalacións.

O alcalde de Cabana, José Muiño, recalca a importancia deste proxecto “para poñer en valor un dos espazos naturais máis importantes de Galicia: a Ensenada de Insua, que discorre ao longo de tres quilómetros na marxe fluvial da ribeira do Anllóns, río que vertebra xeográficamente a comarca de Bergantiños. Pouco a pouco iremos ampliando esta senda ata unir o noso municipio co de Ponteceso e poder gozar así dun dos mellores paseos de toda a Costa da Morte”, incidiu.

27 feb 2021 / 15:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.