Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caión acollerá a mostra ‘De alma a alma’ de Maribel Castiñeira

A artista local exporá no centro comunitario unha vintena de obras de pintura intuitiva

A Laracha. De alma a alma é o título da exposición composta por unha vintena de cadros de Maribel Castiñeira (XMÑ) que estará aberta ao público no centro sociocomunitario de Caión desde este venres e ata o 18 de febreiro.

Residente no lugar de Xermaña –motivo polo que firma os cadros como XMÑ-, na propia vila de Caión, Maribel despregou as súas inquietudes artísticas especialmente nos últimos dous anos, coincidindo coa pandemia do coronavirus, cando, animada por unha sobriña que traballara profesionalmente en varias galerías de arte, decidiu dedicarlle máis tempo á afección pola pintura que descubrira tempo atrás grazas á practica do Hoʻoponopono, unha tradición hawaiana dirixida á resolución de problemas interpersonais.

Maribel encadra a súa obra baixo o concepto de pintura intuitiva, xa que no momento de empezar a pintar non ten unha idea previa sobre as cores que empregará nin cal será o produto final, senón que pretende plasmar o seu estado de ánimo nese instante concreto. A maior parte da súa obra é pintura acrílica sobre papel.

Esta será a súa segunda mostra trala experiencia en Arteixo. Ademais, dúas das súas obras están expostas na galería de arte Galicca Internacional de Santiago e outra foi doada pola autora para recadar fondos para os afectados polo volcán de La Palma. A exposición será inaugurada o venres ás 18.00 horas e poderá visitarse de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas ata o 18 de febreiro. M. Lavandeira

19 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.