Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cultura. Pode verse no corredor paralelo á rúa Colón até o 1 de marzo // Amosa a través de paneis a traxectoria vital e profesional do auotor homenaxeado o Día das Letras Galegas // A exposición pasou por Ferrol e A Coruña TEXTO M. Lavandeira

Carballo acolle a mostra sobre o legado de Carvalho Calero

A mostra arredor da traxectoria de Ricardo Carvalho Calero pode visitarse xa a ceo aberto na Praza do Concello en Carballo, onde estará instalada até o vindeiro 1 de marzo. A exposición, promovida pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, percorre a vida e os principais acontecementos do autor ao que se lle dedicou o pasado Día das Letras Galegas.

A capital de Bergantiños é a terceira localidade que visita a exposición sobre Carballo Calero despois de poder verse en nas cidades de Ferrol e A Coruña. A través de trece paneis expositores, a mostra percorrer outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou a festividade das letras o último 17 de maio.

Quenes se acheguen a contemplar os paneis expositivos poderán coñecer máis polo miúdo o paso do homenaxeado pola Universidade de Santiago, onde cursou Filosofía e Letras e Dereito; o decisivo papel da súa esposa, María Silgar, na súa carreira; a forxa do galeguismo que impregna toda a súa traxectoria vital e intelectual; a súa amizade con Álvaro Cunqueiro e Francisco Fernández del Riego; os seus anos como docente do Colexio Fingoi de Lugo ou os seus estudos sobre gramática e literatura galega contemporánea.

“Ninguén pon en cuestión que a COVID fixo que a conmemoración do Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero, tan demandado e agardado, quedara desdebuxado tanto polo confinamento e polo peche dos centros de ensino no período lectivo arredor do día como pola imposibilidade de organización de actos con asistencia de público”, comenta a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, quen defende a súa proposta como “unha actividade segura xa que está ao aire libre e especialmente acaída para difundir a figura de Carvalho Calero porque está a pé de rúa”.

Nos trece paneis pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado “Mestre de Compromisos” onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa da que foi profesor.

A mostra chega a Carballo, despois de pasar polo peirao da Coruña, a súa chegada desde Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, onde se inaugurou. “Consideramos que é conveniente e necesario que a mostra e a conmemoración de Carvalho Calero continúe máis alá do remate do ano por iso queremos que esta mostra siga difundindo o legado dunha persoa á que tanto debe a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa historia”, explicou María Muíño.

Durante o acto inaugural desta exposición itinerante, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, afirmou na cidade natal do homenaxeado que o obxectivo desta iniciativa é que “sirva tamén para reivindicar a figura de Carvalho Calero como un dos grandes persoeiros da cultura galega e a súa estreita vinculación con Ferrol”.

FONDA PEGADA. Lembrou o primeiro mandatario provincial que o escritor ferrolán deixou pegada como docente, historiador, crítico literario, investigador, lingüista e autor de novelas, poesía, obras de teatro e ensaios, “amosando sempre un gran compromiso coa historia e a cultura galega”.

16 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.