Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo acolle un acto informativo dedicado ás catro vítimas de Bértoa

Era veciños da Coruña que foron secuestrados e asasinados en 1936

Carballo. O vindeiro xoves, día nove de febreiro, ás sete e media da tarde, terá lugar en Carballo, na sede de Espiral Maior Foro (na rúa do Sol, número 34, baixo) o acto informativo e de homenaxe Á procura das vítimas de Bértoa, no que se dará conta, por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), do proceso de investigación sobre o caso da foxa común existente no cemiterio de Bértoa e os pasos legais que se están a dar para proceder á exhumación dos restos de catro represaliados, entre eles o pintor coruñés Francisco Miguel.

No encontro, organizado conxuntamente pola ARMH, a Asociación Cultural Lumieira e o espazo cultural Espiral Maior Foro, participarán Carmen García-Rodeja, profesora e voceira da ARMH Galicia; o profesor e historiador Xan Fraga; o escritor e director de Espiral Maior Foro, Miguel Anxo Fernán Vello; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén intervirán familiares dunha das vítimas, Juan Boedo Pardo, e lerase un texto enviado dende México por Sandro de Miguel, neto do pintor coruñés.

A instancias das familias e da veciñanza, a ARMH investigou o caso de catro veciños da Coruña que, despois de seren secuestrados e asasinados, apareceron con feridas de bala o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba (Bértoa). Eran Juan Boedo Pardo, de 28 anos, gasista e veciño de San Cristobo das Viñas (A Coruña); Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, conserxe do Colexio Notarial; Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, de profesión mecánico; e Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, unha das grandes realidades artísticas da Galicia do seu tempo. J. M.

04 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.