Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo contabiliza 500 desinfeccións en espazos públicos

A maioría das accións desenvolvéronse nos centros escolares e dependencias municipais

O Concello de Carballo realizou o ano pasado máis de 500 desinfeccións en edificios e espazos públicos. Ademais das programadas nos centros escolares, dende que empezou o curso realizan desinfeccións puntuais sempre que se comunica a aparición dun caso de COVID.

O Fórum Carballo, a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) e a antiga sede da Asociación Antidroga Vieiro foron os primeiros lugares que o virus obrigou a desinfectar. As dependencias dos diferentes servizos municipais que non cesaron a súa actividade durante o confinamento (Casa do Concello, a Policía Local, o Mercado Municipal, a UCA, o edificio de Servizos Sociais, o Fórum, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras) foron desinfectadas periodicamente.

Dende o Concello de Carballo tamén colaboraron coa UDIAF ou Afaber para hixienizar as súas instalacións cando retomaron a actividade, do mesmo xeito que desinfectaron os distintos espazos do Pazo da Cultura nos que se desenvolven actividades lúdicas e formativas.

Durante o estado de alarma fíxose especial fincapé na limpeza e desinfección dos espazos urbanos e rúas con máis tránsito, como as contornas de supermercados, farmacias e outros establecementos esenciais, de igual xeito que se reforzou a limpeza periódica dos contedores de residuos sólidos urbanos con desinfeccións diarias. Despois do confinamento reforzaron eses traballos especialmente nos parques infantís e no parque canino.

Cada ano, o servizo municipal de control de pragas aproveita as vacacións escolares do verán, Nadal e Semana Santa para realizar unha desinfección a fondo, ademais de labores preventivas de desinsectación e desratización, en todos os colexios e escolas unitarias. Este curso, ademais, estanse a realizar desinfeccións puntuais sempre que se comunica dende calquera centro escolar a aparición dun caso de COVID. A primeira tivo que levarse a cabo o 12 de setembro no CEIP Nétoma-Razo. Esta práctica tamén se estende ás instalacións deportivas.

Planificación anual

Ademais das limpezas e desinfeccións derivadas das novas necesidades creadas polo coronavirus, no Concello de Carballo manteñen a planificación anual habitual deste tipo de traballos que veñen realizando as distintas empresas concesionarias, tanto do servizo de control de pragas coma da limpeza viaria ou da recollida do lixo.

Precisamente esta semana rematou o primeiro lavado de contedores na zona rural, pero no caso de detectar unha necesidade puntual os interesdos deben poñerse en contacto da empresa a través do número de teléfono 981 754 917, no enderezo electrónico info@carballolimpo.com ou a través da app de avisos do Concello de Carballo.

Así mesmo, xa están en marcha as accións de desratización que se levan a cabo cada trimestre en todas as rúas de Carballo. Tamén neste caso, sempre que se detecte un problema, pode comunicarse a través da app de avisos ou chamando ao 981 754 699.

01 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.