Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo presenta alegacións ao proxecto do parque eólico Monte Neme

O Concello de Carballo vén de rexistrar unha decena de alegacións ao proxecto do parque eólico Monte Neme, que está a tramitar a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e que prevé a instalación de 4 aeroxeradores, 4 centros de transformación, unha torre meteorolóxica de 115 metros, unha subestación e redes eléctrica, de comunicación e de terras. Disporá dunha potencia total máxima de 16 MW.

Por unha banda, segundo o informe técnico elaborado polos servizos municipais, no proxecto sectorial "exponse erroneamente" que todas as infraestruturas do parque eólico quedan fóra da zona delimitada polo Plan de Ordenación do Litoral (POL), “xa que tres aeroxeradores e a torre meteorolóxica, están dentro do ámbito do POL”. Ademais, enganden, “o aeroxerador 2 e a torre meteorolóxica sitúanse nunha zona clasificada como de alto valor ambiental, onde tamén está prevista unha zona de provisión temporal”. Así mesmo, “a elección de máquinas de gran potencia e tamaño provoca un maior impacto visual, como se pode apreciar nas fotografías das vistas dende Baldaio incluídas no estudo de impacto ambiental”.

O Concello de Carballo, “preocupado tamén polo impacto acústico”, encargou un informe específico a unha empresa especializada. Segundo o estudo realizado, o nivel incluído no proxecto “é claramente insuficiente e non reflicte en absoluto unha predición realista dos niveis de emisión de ruído, polo que a empresa promotora do parque eólico debería “cando menos aportar un estudo específico en profundidade mediante software predictivo adecuado ou ferramentas semellantes que permitan unha predicción axustada á realidade, considerándose a estimación simple do documento indicado como insuficiente para aceptala como conclusión do impacto previsto pola presenza do parque eólico na súa contorna”. Tanto a execución da obra como o funcionamento do parque, engaden, “producirá un impacto por contaminación acústica que afectará tanto ás persoas como á fauna”.

Entre outros aspectos, o informe técnico revela que algúns dos elementos proxectados, como a torre anemométrica, sitúanse no ámbito do Proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro Monteneme, “polo que por parte da consellería competente deberían analizarse a compatibilidade e as posibles interferencias”. Neste sentido, dende o Concello de Carballo proponse que o proxecto sexa remitido á Dirección Xeral de Enerxía e Minas e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que non figuran entre os organismos afectados, para que fagan as súas valoracións.

14 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.