Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 02 diciembre 2021
11:01
h

Carballo quere facer aos nenos partícipes do coidado dos xardíns locais

Este ano haberá catro zonas para que poidan colocar as cabazas do Samaín decoradas

Carballo. Coincidindo coa colocación das primeiras cabazas na Praza de Galicia, este mércores arrincou en Carballo unha nova edición da campaña Presume de xardíns, na que o Concello conta coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto polas zonas verdes e os espazos públicos.

O xerente de Dixardín, Carlos Iglesias, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa, que se enmarca dentro dun programa anual de actividades relacionadas coa natureza e o medio ambiente denominado Catro estacións.

Ademais da decoración que se poderá ver nos próximos días tanto na Praza de Galicia coma na da Cruz Vermella, o Concello convida aos nenos e nenas a participar na decoración dos xardíns para implicalos no coidado das zonas verdes “tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, fomentando ademais a creatividade infantil”.

Con esa finalidade, e despois da boa acollida da experiencia do ano pasado na contorna do CEIP Bergantiños, este curso reservaron catro espazos para que os rapace (e, por suposto, as persoas adultas que o desexen) poidan contribuír á decoración dos xardíns coas súas cabazas decoradas: a rúa Eduardo Pondal, a rúa Campo da Feira, o Parque do Anllóns e o Parque do Chorís. A colocación farase por libre, pero só nas zonas sinalizadas con letreiros. “Así seguiremos enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín”, afirman.

Ademais da colocación das cabazas, nesta época os protagonistas dos xardíns municipais son os crisantemos en diferentes cores. E, por primeira vez, no acondicionamento das zonas verdes utilizarán compost producido polos veciños e as veciñas do concello que participan nos programas de compostaxe que están activos tanto na zona rural coma na urbana. Para que todas e todos poidan ver o resultado da recollida selectiva de materia orgánica, o 4 de novembro instalarase un posto coincidindo co mercado semanal para repartir bolsiñas de compost ás persoas colaboradoras.

20 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.