Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo recupera o ciclo Primavera enDanza tras meses de incerteza

A 18ª edición representarase do 27 de novembro ao 7 de decembro no auditorio do Pazo da Cultura

Carballo. Primavera enDanza”, o ciclo de danza máis veterano de Galicia, acada a súa maioría de idade nun ano marcado pola covid-19. A incerteza derivada da pandemia impediu a súa celebración nas datas habituais. Finalmente, diversos espectáculos de grande interese artístico e cultural terán lugar en Carballo do 27 de novembro ao 7 de decembro.

“Primavera enDanza en outono” estrea esta denominación conxuntural con cinco espectáculos de catro compañías galegas e unha madrileña, e que forman parte, na súa maioría, da programación do Concello de Carballo como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC.

O auditorio do Pazo da Cultura abrirá as súas portas para converterse no escenario de propostas para todo tipo de público, que van dende a tradición ata a maior expresión de danza contemporánea, pasando pola danza aérea ou espectáculos que recorren ao uso das novas tecnoloxías ou á música en directo para reforzar a súa mensaxe, pero que, “en calquera caso foxen da imaxe de espectáculo minoritario e exclusivo que tantas veces se asocia erroneamente á danza”, segundo informan dende o Concello. Este ano, as diferentes montaxes articúlanse arredor dun elemento común, que é a reivindicación da figura da muller, protagonista absoluta desta “Primavera enDanza en outono”.

PROGRAMA.

Venres 27 de novembro (20:30 horas): “Directo 9”, da compañía galega Pisando Ovos.

Sábado 28 de novembro (20:00 horas): “Leira”, da Nova Galega de Danza, con música do carballés Sergio Moure.

Sábado 5 de decembro (20:00 horas): “Sintempo”, da compañía madrileña de Sara Cano, premiada recentemente co Max á mellor coreógrafa do 2020.

Domingo 6 de decembro (20:00 horas): “Médula”, da compañía galega Exire, integrada por Ana Beatriz Pérez e a carballesa Alba Fernández.

Luns 7 de decembro (20:30 horas): “Alma (non é hippie)”, espectáculo de danza aérea co Colectivo Verticalia & Pistacatro.

Os interesados/as en coñecer todos os detalles de cada espectáculo poderán consultalo a través da páxina web do Concello de Carballo.

AFORO LIMITADO. Debido ás restricións sanitarias vixentes, só se poñerán á venda 30 entradas para cada espectáculo. Poderán adquirirse o mesmo día da función na billeteira do Pazo da Cultura dende 60 minutos antes do inicio da actuación. Os prezos son de 4 euros (3 para colectivos con desconto) para as sesións dos días 27 de novembro, 6 e 7 de decembro, e de 5 euros (3,5 reducido), para os días 28 de novembro e 5 de decembro.

23 nov 2020 / 10:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.