Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo saca a concurso 27 postos da praza municipal de abastos

Valorarán o proxecto de explotación da actividade, pero tamén a oferta económica

Carballo. A xunta de goberno local de Carballo vén de aprobar o inicio do procedemento para a concesión administrativa de 27 dos 31 postos do mercado municipal de abastos. A adxudicación realizarase por concurso, e na valoración teranse en conta a oferta económica e o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver. Ademais dos postos de venda, tamén se inclúen unha cámara de frío para carnizaría e catro almacéns.

O prego de condicións publicarase en breve no perfil do contratante do Concello de Carballo, e as persoas interesadas disporán de quince días para presentar as súas ofertas. Con este procedemento abrirase a posibilidade de incorporar ao mercado municipal de abastos novos negocios que contribúan a dinamizalo, ao tempo que os praceiros cuxas concesións xa caducaron poderán optar a un novo contrato.

As licitacións realizaranse segundo ao regulamento que vén de ser aprobado, e que inclúe como principais novidades a distinción entre postos fixos e temporais, a existencia de postos sen actividade definida (que poderán, polo tanto, adaptarse ás necesidades da persoa licitadora), ou a posibilidade de cambio de uso do posto.

Tamén será posible solicitar ata un máximo de tres postos lindeiros, e ademais non será obrigatorio solicitar o período máximo da concesión, fixado en 10 anos, con posibilidade de cinco máis de prórroga, senón que poderá pedirse a ocupación do posto por menos anos. c.c.

04 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.