Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Catro colexios de Carballo participan no proxecto Aprende a través do surfing

Está promovido pola Federación Española de Surfing e o colectivo Surf and Clean, coa colaboración de Concellos e Deputación // A escola Boaola dirixe ao alumnado carballés // Realízanse as primeiras actividades na praia

Carballo. Catro dos quince colexios galegos que participan na iniciativa “Aprende a través do surfing son de Carballo: Nétoma (Razo), Gándara (Sofán) e A Cristina e Xesús San Luís Romero. Está promovida pola Federación Española de Surfing e o colectivo Surf and Clean, coa colaboración dos concellos e da Deputación, e ligada ao traballo que se está a realizar para conseguir a declaración da Costa da Morte como Reserva Local de Surfing.

A escola oficial Boaola é a encargada do desenvolvemento do proxecto no concello carballés. O primeiro paso foi o traballo nas aulas e na plataforma online e este martes comezaron os novos bautismos de surfing co alumnado de Razo. Segundo informan dende o consistorio, con esta actividade, que se puxo en marcha á volta das vacacións de Semana Santa, a rapazada aprende a ser surfista tanto fóra coma dentro da auga, no primeiro caso a través de módulos sobre a cultura do mar, a seguridade ou a relación das persoas co medio, e no segundo dende o punto de vista da física, a técnica ou o vínculo co mar. “Buscamos un desenvolvemento das nenas e os nenos como surfistas completas e completos dende unha ampla perspectiva”, explica David Blanco, coordinador do proxecto en Carballo.

“Fomentar a cultura acuática e marítima, mellorar a seguridade nas praias, crear un vínculo co mar que permita comprender mellor a súa relevancia, recoñecer as ondas coma un ben de gran valor para a comunidade, crear unha rede do mar, introducir no ensino a perspectiva de medio ambiente e transformación social e formar axentes de cambio que axuden á sociedade a facer unha transición cara unha forma de vida máis sostible son os grandes e ambiciosos obxectivos desta proposta educativa, que, como indica David Blanco, “ofrece unha perspectiva de medio ambiente e transformación social a través da cultura do surfing”, comunican dende o Concello.

A LARACHA TAMÉN SE INTERESA NO PROGRAMA. Alumnos e alumnas do CEIP de Caión e do Alfredo Brañas de Paiosaco tamén están a participar no Aprende a través do surfing. Hoxe o alumnado de 5º e 6º de primaria do colexio de Caión acercouse ata a praia da localidade para realizar unha serie de actividades. Durante a mañá recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Deportes, Patricia Bello.

Desde o Concello larachés apoian a iniciativa considerando que “é unha oportunidade para que os rapaces poidan iniciarse na práctica do surf e, ao mesmo tempo, tomen conciencia da importancia de conservar os espazos acuáticos e respectar o medio ambiente.”

21 abr 2021 / 11:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.