Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cinco mil euros en premios no Torneo de Xadrez Clásico Concello de Carballo

Celebrarase do 1 ao 8 de setembro na planta alta do Mercado // Participará o mozo hindú Gukesh D, campión do mundo sub14 e terceiro Gran Mestre máis novo da historia

Do 1 ao 8 de setembro disputarase o IV Torneo de Xadrez Clásico Concello de Carballo, valedoiro para ELO internacional e nacional. Por primeira vez utilizarase o formato suízo a 9 roldas (unha diaria), un sistema ata o de agora inédito en Carballo, reservado a torneos en cidades coma Pontevedra, Ourense e Ferrol e a localidades con gran tradición en torneos de xadrez coma Mondariz, Sanxenxo ou Cambados.

A cita foi presentada este xoves nun acto no que participaron Javier Teixeira, presidente de O Toque Xiria, e os seus compañeiros Óscar de Prado e Laureano Falla; os concelleiros de Deporte, Marcos Trigo, e Turismo, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Neste ano de circunstancias especiais agárdase a participación duns 60-70 xogadores, algúns deles fortes Grandes Mestres e Mestres Internacionais, como o mozo indio Gukesh D, campión mundial sub14 e terceiro GM máis novo da historia con 12 anos, 7 meses e 17 días, e que ademais ofrecerá unha exhibición de partidas simultáneas fronte a 20 opoñentes o sábado día 4 na Praza do Concello. “Deste xeito, ademais de promocionar a competición en si, pretendemos trasladar o xadrez á rúa e popularizalo, como xa está a suceder nos últimos tempos.”, aseguran dende o Concello carballés.

Tamén participarán xogadores doutros países e doutras comunidades autónomas, así coma algúns dos mellores xogadores galegos, que se enfrontarán aos locais do club xadrez O Toque Xiria, organizador do evento xunto co Concello de Carballo, que, grazas á colaboración de Carballo Deporte e Turismo Carballo, así como de varias empresas locais, farán posible gozar dun gran evento internacional de xadrez na capital de Bergantiños a primeiros de setembro.

O local de xogo será a planta alta do Mercado de Abastos, que xa foi sede no pasado de torneos de xadrez. Repartiranse un total de 5.000 euros en premios e tamén agasallos para todos os participantes. Ademais, na xornada de clausura realizarase un sorteo de agasallos das empresas colaboradoras.

Con este torneo, o club xadrez O Toque Xiria Carballo aspira a consolidarse como un referente do xadrez galego tanto en organización de eventos coma dende o punto de vista deportivo, celebrando o ascenso do club á máxima división galega de xadrez en 2020 e na que competirá en 2021 e 2022.

19 ago 2021 / 13:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.