Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Comenzan as aulas científicas cunha mirada ao ceo no dolmen de Dombate

As conferencias poderán verse a partir do día 31 de marzo na web da Deputación da Coruña

A ciencia, a astronomía e as estrelas foron as protagonistas da primeira xornada do ciclo de aulas científicas A Luz da Ciencia, que se celebra no dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) e foi inaugurado polo alcalde, José Muíño; o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luis Penas; o catedrático en Física Aplicada da USC, Jorge Mira; o experto en astronomía e astrofísica Borja Tosar; e o investigador do INCIPIT –CSIC César González García.

Borja Tosar abriu o ciclo con Cousas e movemento do ceo, ofrecendo varias claves coas que entender o noso firmamento, e César González García disertou sobre como definiu a astronomía a orientación dos monumentos antigos, e presentou un estudo arqueastronómico do dolmen de Dombate. A xornada pechouse cunha observación das estrelas guiada por Tosar.

Este sábado, día 27, clausuraranse as primeiras xornadas coas actividades Busca dos puntos de último solpor da Europa Continental, dirixida por Jorge Mira; O camiño do sol a través da paisaxe, que comandará o biólogo Fernando Rey Daluz; e a mesa redonda Posibilidades de desenvolvemento vinculadas á observación astronómica na Costa da Morte, que contará co xornalista Santiago Garrido Rial como moderador e con José Muíño, Xosé Luis Penas, Jorge Mira e Fernando Rey Daluz como participantes.

O rexedor cabanés agradeceu ”a colaboración da Deputación da Coruña na organización das xornadas, que son de carácter trimestral e que achegarán a ciencia e cultura á veciñanza da man dos mellores investigadores. Neste primeiro día das aulas científicas fíxose patente que Cabana ten moito potencial de cara a promoción cultural e turística no eido astronómico”, afirmou.

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, sinalou que as xornadas son un paso adiante nun camiño que conduce a “promover o turismo científico e astronómico relacionado co patrimonio arqueolóxico, unir a forza das estrelas con toda a mística prehistórica, respondendo tamén a un crecente interese neste ámbito”. Neste sentido, destacou que a Costa da Morte e, concretamente, o dolmen de Dombate, son destinos de especial interese para un turismo “especializado, non masivo e de calidade, que se achega a un territorio único para coñecer e gozar dun ceo singular. Temos os ingredientes necesarios para mostrar a relación do patrimonio megalítico cos astros, para observar as estrelas e promover un turismo de especial interese para esta comarca”.

Pola súa banda, o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, fixo especial fincapé en crear “novas sinerxias arredor do patrimonio, de maneira que revertan dunha forma ou outra na economía local”.

As charlas estarán ao dispor do público a partir do vindeiro día 31 na páxina e redes da Deputación da Coruña. Ademais da astronomía, no programa trataranse temas como o coronavirus, as vacinas, xenética, bioloxía, clima e patrimonio.

26 mar 2021 / 19:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.