Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comeza a instalación de oito novos aparcabicis en rúas e colexios de Carballo

No municipio xa hai máis de 40 // A Semana Europea da Mobilidade rematou coa sinalización dunha das rutas do pedibús da man dos máis pequenos

Carballo. Este ano non se puido celebrar no municipio de Carballo a tradicional merenda para os nenos e as nenas do pedibús, pero si se contou con eles para rematar as actividades da Semana Europea da Mobilidade. Por iso, armados con botes de spray e unha “plantilla” do Camiño Escolar, saíron á rúa para sinalizar unha das rutas que leva ao CEIP Fogar.

Do mesmo xeito que afecta á actividade cotiá nos centros educativos, a covid-19 tamén está a influír no pedibús neste comezo de curso, pero nos vindeiros días farase unha campaña informativa para animar aos nenos e nenas (e ás súas familias) a ir a pé ao cole e a facelo organizadamente, coas medidas de prevención necesarias, polos camiños escolares que levan aos catro centros públicos urbanos.

Dende a Concellaría de Mobilidade queren promover unha mobilidade máis sostible e segura nas contornas dos coles, e por iso tamén escolleron as zonas escolares para instalar catro dos oito novos aparcabicis que empezou a colocar hoxe a Brigada Municipal de Obras. Situaranse os CEIP A Cristina, Bergantiños (2) e preto do San Luís Romero, pero tamén na entrada do Mercado Municipal dende a Praza do Concello, e nas rúas Concepción Arenal, Barcelona e Fomento.

ACTUALIDADE. Nestes momentos, Carballo conta con máis de 40 aparcabicis, na súa maioría no exterior de edificios públicos, e cada vez en máis rúas. E dentro do proxecto Cicl-Ando, que ten en licitación xa varias das actuacións previstas, tamén se inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas.

22 sep 2020 / 20:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.