Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 27 septiembre 2021
22:06
h

Comeza a posta en marcha das praias carballesas

Cinco persoas encargaranse da súa conservación durante a temporada alta // O equipo de salvamento e socorrismo arrancará o vindeiro xoves 10

Carballo. Xa está activo o servizo de limpeza de praias por parte de cinco persoas da empresa Acciona Servicios Urbanos para o seu mantemento durante a temporada alta. O contrato, vixente dende o verán do 2020 cun orzamento anual de 88.938,45 euros, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...) para a súa utilización durante todo o ano, así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.

Tendo en conta que se iniciou a temporada alta (1 de xuño- 15 de setembro), os primeiras traballos que se están a realizar para a posta en marcha dos areais son a montaxe de pasarelas, casetas e pontes; limpeza xeral con retirada de todos os residuos, adecuación do perfil da praia e corta de céspede; en terceiro lugar realizarase un cribado da area, ao que seguirá a nivelación do areal e, por último, a colocación dos elementos necesarios para que se poida utilizar a praia.

Durante o período estival o persoal realizará a limpeza diaria das praias e as súas zonas de influencia, incluído o baleirado das papeleiras, así como a limpeza das casetas dos postos de vixilancia a partir da incorporación do equipo de salvamento e socorrismo, prevista para o vindeiro xoves 10. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para manter limpos os aseos. O contrato inclúe tamén a xestión das fosas sépticas e sanitarios portátiles.

Ademais, segundo informan dende o goberno local, a empresa faise cargo da renovación anual das certificacións ISO 14001 e EMAS, da dotación de auga corrente e subministro eléctrico, duchas e caseta na praia da Arnela, e a montaxe e desmontaxe de todos os elementos de madeira.

02 jun 2021 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.