Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comezará en maio a construción das sendas peonís de Soesto e Serantes

A Consellería de Infraestruturas mellorará tamén o firma da estrada AC-434 // Xa está redactado o proxecto da nova depuradora de Laxe e planean outra para Mórdomo

A Xunta iniciará en maio as obras das novas sendas de Soesto e de Serantes, no concello de Laxe, que suporán un investimento autonómico superior aos 310.000 euros. Así llo avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde, José Luis Pérez Añón, nun encontro de traballo.

Os traballos consistirán na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de itinerarios peonís ao longo da antiga traza da estrada autonómica AC-433 para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños e unha mobilidade máis segura e sostible entre estes núcleos.

A senda do núcleo de Soesto executarase pola marxe esquerda da estrada e conectará os lugares do Rueiro e Castrelo, ao longo de 600 metros, coincidindo co treito máis urbanizado e tamén o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto. O itinerario de Serantes terá unha lonxitude de algo máis de 700 metros e executarase pola marxe dereita e permitirá unha conexión peonil segura coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

De cara a reforzar a seguridade e favorecer os desprazamentos dos veciños, a titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén se comprometeu co alcalde a executar neste ano as obras de mellora do firme na estrada AC-434. Segundo explicou Ethel Vázquez, actuarase ao longo de 2 quilómetros para renovar o firme, actualmente moi deteriorado, cun investimento da Xunta de arredor de 200.000 euros.

Ethel Vázquez e José Luis Pérez Añón tamén abordaron o proxecto da nova depuradora de Serantes. A Xunta redactou o proxecto correspondente a esta actuación, ao que destinou máis de 16.000 euros. Actualmente, segundo lle confirmou a conselleira ao alcalde, estase a ultimar a supervisión do proxecto. Unha vez aprobado, a Xunta remitirallo ao Concello, algo que se agarda en cuestión de semanas.

Ademais, a Xunta e o Concello acordaron colaborar no proxecto da nova depuradora de Mórdomo, na parroquia de Traba. Proxéctase unha estación depuradora de augas residuais para dar servizo a 200 habitantes.

21 abr 2022 / 18:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.