Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Comezaron os pagos aos proveedores de Ponteceso que a oposición volveu rexeitar

Ponteceso. Un día despois de que o delegado do Goberno anunciase en Ponteceso que o Ministerio de Hacienda se faría cargo do pago de facturas pendentes (491.000 €) dende hai dous anos a proveedores do Concello, onte xa se fixeron os primeiros ingresos, segundo confirmou o alcalde, Lois García Carballido.

Uns pagos que chegan apenas unhas horas despois de que a oposición (coa abstención de PP e APIN e o voto en contra dos edís non adscritos) volvese a rexeitar a modificación extraxudicial de crédito, acción que repetirían coa relativa ás facturas pendentes do exercicio 2021, por valor neste caso duns 200.000 €.

Os grupos opositores volveron a pedir a dimisión do alcalde (PSOE, 3 edís) e insistiron en sinalalo como culpable de ter chegado a esta situación, ao tempo que subliñaron que a achega do Goberno “non é mais que outro crédito que terán que pagar, con intereses, os veciños e veciñas de Ponteceso”.

Pola súa banda, o rexedor, Lois García, acusa á oposición de “intentar cobrar a vinganza contra os veciños” e de ter como único obxectivo “bloquear a actividade do Concello”. “Queren que se paralice todo”, engade, e acúsaos de actuar con “maldade”. Di non entender como a actual voceira do PP, “despois de que o propio partido expulsase ao seu anterior portavoz por permitir que Ponteceso perdese o POS, agora volva outra vez a deixarse levar polas enemistades e as ambicións”. A pesares de todo, Lois García, destaca que “o importante é que as gasolineiras, os carpinteiros, os electricistas, os palistas e todas aquelas empresas que prestan os seus servizos ao Concello de Ponteceso están cobrando as súas facturas”.

O alcalde nega ademais que as aportacións de Hacienda se vaian a pagar cun crédito, “pois o Concello dispón de 1,2 millóns de euros de remanente e non se solicitará ningún préstamo”. Subliñou ademais que, a pesares de todos os atrancos “que nos pón a oposición, conquerimos pechar o exercicio de 2021 cun superávit de 500.000 euros”.

Na sesión plenaria, a oposición volveu a votar en contra tamén de anular a ordenanza que regula o imposto de plusvalía de bens urbanos, o cal foi derogado por unha sentenza do Tribunal Constitucional. Igualmente rexeitaron, unha vez máis, a proposta do goberno local para executar obras por valor de 1,2 millóns de euros. Decisións que o rexedor achaca a “un pacto vergoñento”.

01 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.