Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Corme A novela mistura gastronomía, música e historia // Coida o autor que “dará moito que falar” TEXTO Lorena Rey

‘Como a roda no muíño’, o cuarto libro de Suso Lista

O cormelán Suso Lista, percebeiro durante gran parte da súa vida, mostra unha gran paixón pola literatura dende que era pequeno. Na escola xa se consideraba un gran lector. Con tan só 16 anos embarcou como mariño mercante e o tempo libre das longas viaxes aproveitábao para ler. Non foi ata cumpridos os cincuenta anos cando lle entrou o interese por escribir e publicar os seus traballos.

A primeira obra que editou foi O demo nunca dorme, gañadora do VII Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega no 2013. Nela o autor trataba o tema das cruces no faro do Roncudo. Anos máis tarde, mergullouse no mundo dos blogs con Suso Lista. Espazo emocional e literario dun percebeiro do Roncudo, no cal escribía un relato todos os días. Pasados uns anos estivo unha época sen escribir, pero iso pouco durou. “A editorial Embora contactou conmigo para dicirme que estaban interesados en publicar os relatos do blog”, conta.

Desta maneira sairon á luz Salseiros (2014), Xeixos (2015) e Charamuscas (2017). Agora é o turno de Coma a roda no muíño, que comezouse a distribuír o 29 de decembro d 2020. Unha obra que, asegura, “dará moito que falar”.

CONTIDO. Os tres primeiros son libros de pequenos relatos. Con asiduidade moita xente da súa contorna animábano a escribir unha novela “pero nun principio facíaseme un pouco descoñecido”. “Como fun guionista e actor na serie Para mariñeiros, nós tiña gardados uns guións nunha libreta e ao velos foi como se me berrasen dende dentro certos personaxes. Un resultoume simpático e pensei en utilizalo para a novela”, comenta. Trátase dun galego nado en Suiza que decide coñecer a terra dos seus pais facendo o Camiño de Santiago. Durante o traxecto afróntase a unha serie de desventuras. “Considero que é un camiño diferente. Tan ‘gamberro’ coma este creo que hai poucos”, afirma.

A novela está dividida en breves capítulos que se corresponden ás diferentes etapas do camiño. O surrealismo domina nesta lectura na que se mezcla gastronomía, música e historia. Comezou a escribila no 2016 e tardou algo máis de dous anos en poñerlle o punto e final. Despois adicouse a facer as correccións oportunas. “Fun avanzando pouco a pouco porque só escribo cando me apetece. Gústame desfrutar do que estou facendo e non que sexa unha obriga”, destaca.

Suso escribe case sempre a man a pesar de que ten o ordenador na ventana con vista ao mar e ao parque eólico. O que nunca esquece levar cando sae da casa é unha libreta “por si xurden ideas”.

O polifacético cormelán compaxina a literatura co mundo audiovisual. Participou en diversas series, películas e curtametraxes entre a que destaca Mareas Vivas, “da cal teño un grato recordo de Emilio MacGregor, director da serie”. Tamén actuou en Celda 211 ou A mariñeira, entre outras.

O audiovisual é algo que añora na actualidade, polo que asegura estar á espera de que o chamen para algunha participación.

10 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.