Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Compost para os xardíns de Carballo feito cos residuos orgánicos do colector marrón

As familias e os grandes produtores reciclaron nos primeiros 7 meses do ano 193.060 kg

Carballo. As familias e os grandes produtores de Carballo que participan no programa Ti tes a chave depositaron nos primeiros sete meses deste ano un total de 193.060 quilos de residuos orgánicos nos colectores de cor marrón que están espallados por toda a zona urbana, o que supón unha media de 27.580 quilos ao mes.

Dende a posta en marcha do servizo de recollida selectiva, en xullo do ano 2020, dende Carballo enviaron á planta de compostaxe de Sogama un total de 686.660 quilos de bío-residuos. Unha vez tratada, esa materia orgánica regresa á vila en forma de compost como o que está a utilizar estes días a brigada de xardíns para a posta a punto das zonas verdes.

Dende o Concello carballés agradecen a colaboración das máis de 1.400 familias e das 125 empresas que xa están comprometidas coa xestión sostible dos residuos orgánicos, pero queren seguir incrementando esas cifras. Por iso, este mes volverán a sacar á rúa o stand do programa Ti tes a chave para informar, entregar máis chaves e repoñer as bolsas compostables, de balde, a quenes as precisen.

O posto ubicarase na rúa Coruña este xoves 17 e tamén os días 24 e 27, coincidindo coas últimas feiras deste mes. O horario de apertura será de 10.30 a 13.30 horas. Ademais, as persoas interesadas poden achegarse de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, ao local de Carballo Limpo, situado nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34. Recibirán un caldeiro, tres atados de bolsas e a chave. M. L.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.