Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Concentracións telemáticas, encontros culturais, vídeos e manifestos para conmemorar o 8M en Bergantiños

    Cargando reproductor ...

Na comarca de Bergantiños foron moitas e variadas as propostas para conmemorar o Día Internacional da Muller. Así, en Carballo celebraron o 8M máis simbólico cunha concentración telemática a través da plataforma www.carballoenrede.com, que rematou coa lectura dun manifesto aprobado polo municipalismo galego a través da Fegamp. Foi unha lectura coral, coa participación das nove concelleiras da corporación municipal.

Ademais, as mulleres de todos os partidos políticos locais participaron nun “lipdub” presentado a través das redes sociais do Concello de Carballo. Maica Ures, Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Maruxa Suárez, Mar Eirís, Paula Nogueira, Beatriz Neira, Mari Carmen Vila e María Torres interpretaron un fragmento do tema Que non mo neguen, das Tanxugueiras.

Pola súa banda, o Concello de Ponteceso estreou nas súas redes sociais un encontro cultural entre a xestora Paula Álvarez e a cantante vimiancesa Irma Macías no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, en Corme. Colaboraron tamén a concelleira pontecesá Maite Chouciño e a Fundación Torre-Pujales, e no encontro trataron diversos temas, vencellando o mundo da arte, o papel da muller e a Costa da Morte.

En Cabana, o Concello enxalzou o labor e dedicación das mulleres voluntarias no comedor escolar a través dunha peza audiovisual. No vídeo recóllese o testemuño de Rosina Álvarez, quen explica como é o día a día no traballo e o especial coidado que necesitan ter ela e as súas compañeiras para velar polo cumprimento das medidas de protección ante o coronavirus.

Esta iniciativa súmase á campaña que está a desenvolver este mes o Concello cabanés, compartindo fotografías antigas que teñen como protagonistas ás mulleres do municipio.

A asociación Vieiro, de Carballo, tamén se sumou aos actos reivindicativos do 8M cun manifesto da rede nacional de atención en adiccións (UNAD), a través do cal queren visibilizar a situación das usuarias da rede e dar a coñecer as vulnerabilidades coas que parten á hora de solicitar axuda.

08 mar 2021 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.