Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Coristanco creará un museo temático centrado na pataca

Contará co apoio de Agader // Acollerá varias exposicións e amosará a evolución do sector

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, mantivo este mércores unha reunión co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, para abordar o proxecto senlleiro Museo da Pataca, que se creará neste concello coruñés cunha subvención de 37.000 euros por parte daConsellería do Medio Rural.

Neste caso, asegura a responsable de Agader, “a singularidade do proxecto reside na creación dun museo temático para poñer en valor a pataca de Coristanco, considerando a importancia desta produción na comarca de Bergantiños desde o punto de vista etnográfico, agrario e social e de identificación territorial”.

O concello de Coristanco é, de feito, coñecido como o Verxel de Bergantiños ou como a Terra da Pataca e, polo tanto, está moi vencellado á agricultura e sobre todo a este produto. É un municipio produtor de tubérculos e, como tal, está incluído na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, dentro da subzona de Bergantiños, á que tamén pertencen os concellos de Carballo, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

Aparte da relevancia na economía local, a pataca xa forma parte da propia cultura da vila e ata conta cunha rúa no termo municipal. Ademais, cada ano, agás no 2020 por mor da pandemia, a capital municipal acolle a popular Festa da Pataca, que inclúe exposicións, un concurso de esculturas feitas cos prezados tubérculos e múltiples actividades lúdicas.

A través deste museo pretenden poñer en contexto histórico a pataca de Coristanco “e achegar este cultivo ao conxunto da poboación e aos seus visitantes, a través de exposicións permanentes baseadas en imaxes, vídeos animados e mostras dos diferentes apeiros de labranza empregados, co fin de amosar a evolución do sistema agrario de Coristanco e da súa bisbarra”, sinalan.

PROXECTOS SENLLEIROS. Cómpre lembrar que os proxectos senlleiros impulsados por Agader perseguen mellorar os espazos do medio rural, así como o nivel de vida da súa poboación incrementando a oferta de ocio, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico á súa disposición.

Tamén buscan promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a estrutura do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas, así como potenciar e poñer en valor elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen.

Mediante estes convenios de colaboración asinados cos concellos galegos, non só se busca recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos claves para fixar poboación no rural.

03 mar 2021 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.