Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cortada a vía larachesa de Quintáns por danos causados polo temporal

O Concello estendeu cinco toneladas de sal nas estradas locais para combatir o xeo

A Laracha. As intensas choivas das últimas semanas danaron a estructura da estrada DP-2404 que une os lugares de O Formigueiro e Quintáns, na parroquia larachesa de Vilaño (A Laracha), polo que o Concello tivo que cortar o tráfico rodado pola mesma. O acceso alternativo para chegar a Quintáns é a vía dende o núcleo de A Ribela.

O Concello xa iniciou os trámites para comunicar a situación a Augas de Galicia e solicitar a autorización para reconstruír a canalización pola que discorre o regato e proceder á reparación da estrutura da estrada.

Por outra banda, dende o xoves, o Concello larachés ten activo un plan específico de mantemento das estradas de titularidade municipal debido á ola de frío, co obxectivo de previr e minorar as situacións de risco.

As intervencións estanse a levar a cabo de catro xeitos de maneira simultánea e complementaria. Por un parte, a administración local contratou dúas empresas especializadas no emprego de maquinaria para estender sal nas principais rúas dos máis de 600 quilómetros de lonxitude lineal que suma a rede viaria local de todas as parroquias.

Están facendo especial fincapé en todas as rutas de transporte escolar e priorizando as vías situadas en zonas de interior e nos puntos de maior altitude. O obxectivo é evitar a formación de placas de xeo, facilitar a mobilidade e aumentar a seguridade na circulación rodada.

Ao mesmo tempo, tanto os empregados do servizo de limpeza da rede viaria como os operarios das cuadrillas municipais e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil están aportando sal nas beirarrúas dos núcleos urbanos, especialmente nas zonas de maior circulación de persoas como os accesos ao centro médico da Laracha.

Despois de dous días de desenvolvemento desta campaña xa estenderon cinco toneladas de sal nas vías municipais. Os traballos, segundo sinalan dende o Concello, manteranse tamén durante a fin de semana ante a previsión de baixas temperaturas.

Outros concellos da Costa da Morte tamén se afanaron a botar sal nas súas estradas, logo da accidentada xornada do xoves na que se rexistraron preto dun cento de saídas de vía e numerosas caídas de peóns a causa do xeo. M. L.

08 ene 2021 / 18:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.