Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Turismo. A Deputación presentará o plan de sustentabilidade Os Fogóns do Anllóns e a CMAT o futuro destino Starlight // Solpor e Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra e Muxía darán visibilidade á ruta xacobea que remata no mar TEXTO J. Ramos

Costa da Morte levará a Fitur os seus recursos e potencialidades

Costa da Morte terá, un ano máis, protagonismo propio na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid do 18 ao 22 de xaneiro. Entre as promocións que se levarán a cabo na capital de España figura a do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Os Fogóns do Anllóns, por parte da Deputación da Coruña. Será o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, quen encabece a delegación da provincia, na que participarán representantes políticos dos concellos de Bergantiños así como representantes do tecido social, económico e deportivo.

A presentación terá lugar o mércores, día 18 ás 12.30 horas, no stand de Turgalicia. Regueira asegura que é “unha aposta política e unha estratexia turística baseada no valor do propio e nas potencialidades do noso territorio”. Lembra que “levamos moitos anos traballando de xeito constante priorizando a calidade sobre a cantidade, apostando claramente por iniciativas que inclúan parámetros de sustentabilidade, que poñan en valor a autenticiadade do noso territorio e das e dos profesionais que traballan nel e, sobre todo, na defensa dun retorno económico para a comunidade local”.

Nesta presentación tratarase de poñerlle voz e cara ao proxecto a través dun audiovisual que recollerá intervencións de representantes de sectores como o colectivo de mariscadoras do esteiro do Anllóns, de produtores de legumes e pataca, panadaría, restauración e mesmo deportistas que utilizan o propio Anllóns para as súas prácticas deportivas. Tamén recollerá as voces dos cinco alcaldes dos concellos que conforman o proxecto –A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana–, e a do vicepresidente da Deputación. Ademais do audiovisual, tamén intervirán unha representación das tres administracións con participación activa no plan: a Xunta, a Deputación e a Asociación de Concellos, así como unha representante do tecido social e económico da comarca.

Pola súa banda, a Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía (Solpor) presentará o xoves 19, ás 18.15 horas, Un mar de gracias, un proxecto singular e único que ten por misión render un especial e sentido recoñecemento ao sector turístico de Santiago e agradecer a recomendadores e prescriptores o seu labor, algo pioneiro dentro das accións de marketing en Galicia.

Partindo desa base, crearon un proxecto orientado a poñer en valor a paisaxe, a gastronomía, a sustentabilidade e a importancia de Compostela como cidade emisora e receptora dos peregrinos que percorren o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, “poñendo en valor un xeodestino único e singular que cada ano suscita maior interese a nivel nacional e internacional”, afirma Jesús Picallo Santos, presidente da asociación Solpor.

“Temos claro que o turismo de proximidade vai ser o motor principal a curto e medio prazo para o sector na Costa da Morte, e tamén no resto de zonas adxacentes, xa que a pandemia posibilitou que moitos descubrisen que a pequena distancia, gran disfrute”, engadiu. E no Camiño a Fisterra e Muxía, subliña, “pódese atopar descanso, tranquilidade, relaxación e estar en contacto coa natura e o medio ambiente”.

Ademais están programadas outras presentacións como Costa da Morte, de Camino a ser destino Starlight, a cargo da CMAT, ente xestor do xeodestino (día 19 ás 18.30 horas), e Até o fin (Hasta el fin), o Camiño de Santiago acaba no mar (día 19 ás 18.45 horas), promovida pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra a Muxía, integrada polos municipios de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.

13 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.