Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Demandan que se suspenda a tramitación de seis parques de enerxía eólica

Once asociacións de Bergantiños esixen que se faga unha avaliación estratéxica ambiental

Cabana. Once asociacións e colectivos solicitan ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, que suspenda de forma cautelar a tramitación do complexo eólico da Costa da Morte, “en tanto non se someta o plan eólico industrial á preceptiva avaliación estratéxica ambiental”.

Entenden que a tramitación se está a facer “con total opacidade, sen información pública e coa vulneración flagrante da Lei 21/2013, de impacto ambiental, que esixe avaliación ambiental estratéxica para os plans empresariais a desarrollar nun ámbito xeográfico concreto”.

Aseguran que a veciñanza dos núcleos afectados, nos municipios de Laxe, Cabana, Ponteceso e Coristanco, “pide máis información sobre as características e natureza deste complexo que lideran EDP Renovables e Greenalia Green Power”. Tamén solicitan información sobre os acordos do clúster empresarial que formarían as empresas eólicas asociadas en relación á solución de evacuación, “xa que o parque eólico Soesto evacúa a través da subestación colectora elevadora Monte Chan, e os vieiros empregados para o seu acceso son os do parque eólico Pena Forcada –Catasol II da mercantil Gas Fenosa, actualmente Naturgy".

Ademais, engaden, a liña que evacúa a enerxía xerada nos parques do municipio de Laxe, parte da subestación Monte Chan, situada a 4,6 quilómetros do parque eólico Soesto ata chegar á subestación da central térmica de Meirama (Cerceda). No seu camiño iría incorporando as achegas do resto dos parques.

O complexo eólico ao que se refiren os alegantes está formado polos parques de Soesto; Pena dos Mouros e Monte Chan na fachada litoral do municipio de Laxe; Agrelo – Muriño en Cesullas (Cabana); os de Corcoesto e Coristanco, o Alto do Torreiro e o Bustelo –Baralláns, "estes dous últimos con prexuizos irreparables para Áreas de Especial Interés Paisaxístico como o val fluvial do río Lourido e ás explotacións forestais e madereiras da zona", afirman.

Denuncian que os proxectos están a tramitarse “de forma fraccionada e independente, na procura dunha tramitación administrativa máis áxil e simplificada pero diluíndo os impactos ambientais da totalidade do Plan eólico industrial do Clúster empresarial e obviando a participación pública na súa avaliación global, deixando de lado a normativa europea que regula o dereito de acceso e participación da cidadanía na toma de decisións relacionadas co medio ambiente e a paisaxe, ao abeiro do Convenio de Aarhus e o Convenio europeo da Paisaxe”.

A petición foi asinada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Asociación de Veciños de Cereo (Coristanco), a Plataforma veciñal O Cerqueiral (Coristanco), a Plataforma Bergantiñá Pola defensa da Terra, a asociación ambiental Contramínate (Laxe), a asociación ambiental Petón do Lobo, o Sindicato Labrego Galego, a asociación Cova Crea, a Plataforma As Salgueiras (Ponteceso), a Asociación Veciñal Río Lourido (Valenza – Coristanco) e a Asociación O Ouriol do Anllóns (Carballo).

23 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.