Descubrindo con Adega a biodiversidade da contorna da lagoa e a praia de Traba

Laxe. Coincidindo co Día Mundial da Auga un grupo de voluntariado ambiental convocado por Adega achegouse este martes á lagoa e á praia de Traba de Laxe para facer unha descuberta de biodiversidade e coñecer a importancia das zonas húmidas así como a súa flora e fauna. Os participantes iniciaron a andaina identificando flora invasora que esta afectando a este espazo natural protexido.
O percorrido estivo guiado por botánicos expertos en especies ameazadas e persoas coñecedoras da fauna. Evitaron achegarse aos hábitats prioritarios e desenvolveron a actividade por sendas xa existentes para non causar un impacto na flora litoral. Adega dá así continuidade a un traballo comezado hai uns anos, en colaboración co Departamento de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, coa creación de microrreservas de flora da Costa da Morte. O proxecto ten o apoio da Acción Social de CaixaBank. M. L.