Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dimite unha edil do PP polo “non” ao POS de Ponteceso

Beatriz Martínez, que é comerciante, di que a súa conciencia non lle permite rexeitar as obras e os cartos que necesita o pobo

Beatriz Martínez, concelleira do PP de Ponteceso, presentou este xoves a súa dimisión no rexistro municipal, porque, asegura, a súa conciencia “non tolera votar non a obras e axudas que son necesarias para o noso pobo”. Xa o fixo no pleno no que foi rexeitado o Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación cos votos dos edís populares e os cinco exconcelleiros socialistas, e asegura que “esa noite non puiden durmir”.

Militante popular dende hai moito tempo, incondicional de Alberto Núñez Feijóo, filla de autónomo, autónoma dende hai 27 anos e coñecedera de primeira man do “mal que o están pasando moitas familias e comerciantes de Ponteceso, antes que política son persoa e entendo que o noso concello precisa de toda axuda que nos den, xa veña da Deputación, da Xunta ou do Goberno central, e non podo dicir non ao meu pobo”.

Asegura que entrou en política con ilusión e está convencida de que “podería aportar moitas cousas”, porque “como comerciante que son estou acostumada a negociar, a gañar e tamén a perder. Son máis partidaria de conciliar”, afirma. Sinala que foi unha decisión difícil e totalmente persoal, “pero non podo ser infiel coas miñas ideas”.

Di ademais que “despois disto virán orzamentos e outros plans, e eu non podo dicir non ao que necesita Ponteceso”. Recoñece tamén que ao longo das últimas semanas “varios veciños viñeron xunto a min para pedirme que, por favor, aprobásemos o plan”. Beatriz Martínez quere deixar claro que a súa relación cos compañeiros de partido, tanto cos que se foron como os actuais, “é moi boa, e estou convencida de que van tentar sacar isto adiante”, sinala ao respecto.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Daniel García, lamentou a marcha da concelleira, “pero hai que comprender a todo o mundo”. Considera que é unha decisión motivada pola “presión” á que se viu sometida, e reitera que a posición do seu grupo “é firme”, e que este venres presentarán unha proposta alternativa ao plan presentado polo goberno local (PSOE) “consensuado cos 5 exconcelleiros socialistas, no que incluiremos máis obras, o pago das facturas pendentes e máis horas do servizo de axuda no fogar”.

A pesar da dimisión da concelleira do PP -que será sustituida por Ana Vecino-, os votos dos dous concelleiros populares e os cinco dos non adscritos serán suficientes para avalar a proposta alternativa. García lamenta que os edís de APIN “se botasen atrás, porque din que queren ir por outro lado”.

ALCALDE. O alcade, Lois García (PSOE), lamenta a marcha de Beatriz Martínez, e asegura que “a imos botar de menos no pleno, porque é unha persoa moderada e cercana”. Di entender o seu posicionamento porque “no pobo no que un vive, por encima das siglas, somos veciños e veciñas, e dependemos uns dos outros. Temos aquí as casas, as tendas, os nosos fillos e fillas xogan xuntos e os nosos pais e sogros botan a partida. Imos á praia e estamos xuntos, chegan as festas e todos colaboramos. Morre un da familia e acompañámola con respecto e cariño. Vas tomar o café e, sen darte conta, xa o tes pago, outro día fas ti igual. Coincidimos na escola e no médico, e nas actividades deportivas e culturais. Os fillos e os netos van para A Coruña ou Barcelona, pero cando lles preguntan, son de aquí”.

Carballido di que “é o momento de buscar a unidade e o entendemendo, o inimigo non está na bancada de enfronte, e independentemente das ideoloxías, este é o noso pobo”. Coida que a decisión da edil non se debe só ó POS, e lembra que “o PP votou tres veces en contra de pagarlle ós autónomos cando temos 600.000 € no banco”.

26 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.