Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Discusión con tráxico final na vila carballesa

Manuel Gómez Fondo, de 54 anos, perdeu a vida tras ser agredido por un mozo na rúa

Conmoción e incredulidade é o sentir na vila de Carballo, logo de coñecerse na noite do martes o falecemento do seu veciño Manuel Gómez Fondo, de 54 anos, tras ser agredido por Julio César A. R., de 25 anos, na céntrica rúa Vila de Corcubión, fronte ao instituto Alfredo Brañas, pouco antes das seis da tarde.

O agresor foi detido pouco despois de que se confirmara a morte do carballés, ás poucas horas de ser trasladado ao hospital da Coruña. Está previsto que o mozo pase este xoves a disposición de Xulgado de Instrución número 1 da capital carballesa.

Á espera do que dictamine a investigación aberta pola Garda Civil, fontes veciñais sinalan que todo comezou cunha discusión e un cruce de insultos entre a vítima e o seu agresor. Este, de nacionaliade colombiana, ía acompañado da súa parella no momento dos tráxicos feitos.

O enfrontamento verbal derivou nunha agresión, con patadas e golpes nas costas da vítima, que acabou caendo ao chan e golpeándose coa cabeza contra unha columna dos soportais dun edificio, e despois contra chan da beirarrúa. Testigos presencias acudiron a socorrer de inmediato ao agredido, que quedou tendido no chan inconsciente, ata que se persoaron no lugar as asistencias sanitarias. A pesares das atencións recibidas e de que foi trasladado de urxencia, nada puideron facer para salvarlle a vida.

Algunhas fontes apuntan a que a disputa poido desencadearse logo duns presuntos insultos de tinte racista por parte da vítima ao agresor, e que ambos xa tiveran unha discusión en días previos.

A vítima, que era natural do lugar de A Bugalleira, en Ponteceso, levaba xa moitos anos residindo en Carballo. Estaba casado e deixa un fillo e, segundo sinalaron fontes cercanas, estaba en lista de agarda para un transplante de ril, motivo polo cal estaba a tratamento de diálise.

Foron moitas as manifestacións de rexeitamento e condena da violencia, e dende o Concello de Carballo expresou que “non hai ningunha, absolutamente ningunha, posibilidade de xustificación dunha agresión e moito menos da perda dunha vida. Expresamos o noso fondo pesar pola morte dun veciño e a solidariedade da sociedade carballesa coa familia da vítima. E apelamos á conciencia de todas e todos para que este tipo de sucesos non se repitan nunca máis”.

14 abr 2021 / 18:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.