Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Este Nadal o municipio acolle unha nova edición que se desenvolverá virtualmente // O propósito é que os máis pequenos/as aprendan a mirar o lugar que habitan, tendo presentes dúas poderosas ferramentas: a arte e a arquitectura

Divulgación do valor artístico e histórico de Carballo a través do proxecto “A vila do mañá”

Dous anos despois dunha primeira e positiva experiencia, este Nadal regresa a Carballo o proxecto “A vila do mañá”. A consecuencia das restricións marcadas pola COVID terá que levarse a cabo a través dun formato virtual, para que os nenos e nenas de 6 a 12 anos diseñen o Carballo do futuro.

“A vila do mañá” é un iniciativa que intenta recuperar as cidades para as persoas. Faino dende a infancia xa que eles serán os habitantes do futuro. O propósito está en tratar de cambiar a visión que teñen os nenos e nenas do lugar no que habitan. “Cando facemos os talleres a conclusión que sacamos do que nos contan é que viven nunha caixiña, desprazánse nunha caixiña máis pequena e chegan a unha máis grande, á cal se lle pode chamar colexio, parque infantil, centro comercial ou polideportivo”, afirma Sandra González Álvarez, arquitecta e directora do proxecto.

A iniciativa naceu no 2016 en Rianxo. Foi a primeira cidade que se utilizou como laboratorio de experimentación e taboleiro de xogo. Dende ese momento Sandra González divulgou o proxecto por 16 cidades ou pobos galegos. En concreto na Costa da Morte celebráronse dúas edicións en Malpica, ás que se suman dúas en Carballo. A maiores, no 2019 deron o salto a Sau Paulo (Brasil) da man da Universidade Presbiteriana Mackenzie. “Alí traballei nunha ocupación no centro de Sau Paulo. Supuxo un pequeno cambio de concepto porque habitualmente ocupamos os espazos cos nenos e alí o lugar xa estaba ocupado. Ademais o traballo con aqueles nenos era bastante diferente á realidade galega”, explica a arquitecta.

ASÍ SE DESENVOLVERÁ NESTE NADAL ATÍPICO. Nesta ocasión os nenos de tres a seis anos non poderán participar xa que as actividades se levarán a cabo a través dun ordenador. A pesar de todo inténtase manter a esencia de “A vila do mañá” con connotacións distintas. “Pérdese o traballo en equipo do grupo de nenos pero vanse facer igual actividades no exterior e van intervir igualmente en espazos urbanos de xeito individual”, detalla. Entre as propostas que están ideadas destaca a montaxe dun muro vexetal ao lado da piscina municial e a creación dunha medianeira na Rúa Coruña que levarán pensada da casa e posteriormente plasmarán en papeis transparentes. “Creo que é unha forma de volver a xerar unha identidade con Carballo, un pobo que cambiou moito nos últimos anos”, considera.

Na primeira edición celebrada en Carballo no 2018 traballárase cos participantes no campamento de verán. Sandra recorda como se fora hoxe as conclusións que sacara. “A súa afinidade con Carballo era a tenda de xeados ao lado da Praza, o parque infantil situado a carón da biblioteca, un aparcamento de coches, e o río”, afirma.

O vindeiro luns, primeiro día de talleres, será unha toma de contacto coa infancia carballesa. Normalmente os participantes saen á rúa cun gran marco dourado e entre todos van tomando as decisións dos elementos que se enmarcan “Desta vez non hai saída conxunta, senón que haberá unha especie de kit de A vila do mañá virtual onde cada un terá o marco dourado para saír a encadrar cos seus familiares cercanos e ver que elementos son importantes para eles”, comenta. Posteriormente as actividades do exterior iranse programando en función do tempo e os obradoiros estenderanse ata o 6 de xaneiro.

VALORAR O LUGAR NO QUE RESIDES. Tras rematar os obradoiros dunha edición de A vila do mañá, cúmprese o obxectivo de que os participantes coñezan mellor a súa contorna e lle aporten valor ao lugar no que habitan. “Vamos falando con eles e nos últimos días vanse apreciando cambios na súa forma de ver e valorar as cousas. Esta é a primeira vez que vamos a facelo a través dun chat e non en persoa, algo que me da un pouco de medo”, confirma Sandra. Unha vez remate esta experiencia virtual sairá publicado un libro ó que se sumará o contido do vivido o verán do 2018 en Carballo.

16 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.