Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Divulgan os recursos do Centro da Muller entre os estudantes

Carballo distribuirá material informativo en edificios públicos para dar a coñecer o servizo

Carballo. A concellaría de Igualdade rematou as actividades conmemorativas do Día das Mulleres cunha campaña divulgativa sobre o Centro de Información á Muller (CIM). Ao longo desta semana realizouse nos centros de educación secundaria o reparto de material informativo, que tamén estará dispoñible nos vindeiros días en edificios públicos e outros establecementos.

O obxectivo da campaña é informar á poboación en xeral, pero dun xeito especial a adolescentes e mozos, sobre os recursos que teñen á súa disposición no CIM de maneira totalmente gratuíta e confidencial. Ademais de prestar unha atención especial a todos os aspectos relacionados coa violencia de xénero, acompañando e asesorando ás vítimas en todo o que precisen, dispón dunha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada para atender e informar en materias tan diversas coma adopcións, separacións ou divorcios, trámites de xustiza gratuíta, sentenzas... pero tamén toxicomanías ou emprego, “xa que traballamos de maneira coordinada con outros servizos municipais coma a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) ou a Bolsa de Traballo (BDT)”, afirman dende o Concello.

O CIM tamén promove iniciativas encamiñadas á conciliación, como o programa Concilia, que funciona durante o curso escolar, e actividades como as desenvolvidas nos últimos días. As persoas interesadas en saber máis poden pedir un folleto ou contactar directamente co Centro de Información á Muller chamando aos teléfonos 981700688 ou 638123460 ou enviando un correo electrónico a cim@carballo.gal.

As actividades do Día das Mulleres rematarán o luns, co apagado da iluminación violeta da Casa do Concello e o traslado dos contedores dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal ás rúas dedicadas a estas tres mulleres que fixeron historia. “Pero o traballo a prol da igualdade, no Concello de Carballo, continúa durante todo o ano”, afirman.

12 mar 2021 / 19:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
8M
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.