Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dous mortos en menos de catro horas nas estradas de Malpica e de Carballo

Un home de 31 anos perdeu a vida ao saírse da vía co seu coche // En Rus un veciño faleceu atropelado tras colisionar dous vehículos

A xornada do sábado foi tráxica nas estradas de Bergantiños, onde se rexistraron dous falecidos en Malpica e Carballo nun espazo de tempo de menos de catro horas.

Un veciño de Leiloio (Malpica), de 31 anos, perdeu a vida pola mañá despois de que o coche que conducía se saíse da vía cando circulaba pola estrada que une Ponteceso e Buño. O accidente produciuse nunha rotonda á entrada da vila oleira, en torno ás 08.00 horas. Un particular alertou ao 112 Galicia ao atopar o coche fóra da estrada e cun forte impacto xa que, ao parecer, acabou impactando contra un talude e saíu despedido preto de vinte metros.

A pesar de que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os equipos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida á persoa que resultou accidentada.

Ata o lugar do sinistro tamén se desprazaron os Bombeiros de Bergantiños, o GES de Ponteceso, axentes da Garda Civil de Tráfico e membros de Protección Civil.

Pouco despois, en torno ao mediodía, os servizos de emerxencias volveron ser alertados debido a outro accidente mortal que tivo lugar no municipio de Carballo.

Un veciño da parroquia de Entrecruces falecía ao ser atropelado logo de que colisionasen dous vehículos no punto quilométrico 5 da estarada DP-1914, á altura da parroquia de Rus. Trátase dun tramo recto no que se adoitan rexistrar numerosos accidentes de tráfico.

Ao parecer, un dos coches implicados saíu despedido da estrada logo de que batese con el, pola parte traseira, o outro turismo, provocando que invadise a beirarrúa pola que camiñaba a vítima, que quedou atrapada debaixo do coche que o atropelou.

Foi un particular quen comunicou o suceso ao 112 Galicia e solicitou a mobilización de equipos de emerxencia. De xeito inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Bergantiños, que fixeron uso do material de excarceración para poder liberar ao home.

Desde o 112 Galicia solicitouse tamén a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tan só puido confirmar o falecemento do varón. Ademais, ata o lugar acudiron os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Carballo e os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.

Segundo confirmou ao 112 Galicia o Servizo Municipal de Protección Civil, os ocupantes dos dous vehículos implicados na colisión previa non resultaron feridos.

26 jun 2022 / 01:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.