Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas empresas do sector do mar vanse asentar na área portuaria de Malpica

Están a tramitar xa a cesión do solo para as súas instalacións // A confraría traballa tamén na modernización da fábrica de xeo

Diversificar e atraer investimentos é un dos obxectivos da confraría de pescadores de Malpica para tentar de potenciar o sector e xerar postos de traballo vinculados ao mar.

Con ese fin, dende o pósito están a mediar con Portos de Galicia para que dúas empresas vinculadas ao sector pesqueiro poidan instalarse en breve na zona portuaria. Así o confirmou o patrón maior, Pedro Pérez, quen sinalou que se trata dunha compañía especializada na comercialización e transformación de produtos do mar e outra que pretende crear un viveiro.

Ambas as dúas están xa tramitando ante Portos a cesión do solo necesario para poder ubicar as instalacións que precisan. Dous proxectos que o patrón maior confía en que contribúan “a levantar un pouco máis Malpica”, logo duns anos nos que o sector da pesca perdeu boa parte da súa fortaleza, o cal provocou unha caída importante das vendas na lonxa local e levou ao pósito a unha situación crítica a nivel económico.

Unha situación que, pouco a pouco, parece que van superando tal e como indicou o patrón maior. “Fomos aguantando como poidemos e agora atopámonos nunha situación de certa estabilidade, e o noso obxectivo e seguir mellorando día a día”, afirmou. Lembra que cando os membros do actual pósito asumiron a dirección da confraría de pescadores de Malpica a débeda era de 400.000 euros, a cal conqueriron rebaixar ata os 180.000 actuais.

Conquerir que a frota aposte pola venda dos seus produtos na lonxa local está sendo clave para a recuperación. É o caso dos barcos do cerco, unha das artes que xera un maior volumen de recursos económicos. A iso hai que engadir, segundo Pedro Pérez, a explotación de novos recursos que están a ser importantes nos últimos anos, como é o caso do ourizo. Esperan agora que repunten tamén as capturas de polbo, logo dun ano moi frouxo, xa que esta é outra das especies clave para a supervivencia da frota artesanal.

Asemade, coa fin de consolidar e potenciar a actividade no porto de Malpica, a confraría ten en marcha un proxecto de modernización da fábrica de xeo, que suporá un investimento de algo máis de 1 millón de euros.

Dende o pósito están agora recabando o apoio da Administración autonómica e tamén buscando axudas para poder levar a cabo a automatización e renovación dun servizo “do que precisamos, pois é fundamental para atender as necesidades da frota, e especialmente o cerco, e tamén pensando na próxima instalación das referidas empresas”, indicou o patrón maior.

Unha iniciativa que virá a complementar outros proxectos xa desenvolvidos, como a reubicación das oficinas da confraría no edificio da lonxa, o cal facilita os trámites administrativos a todos os usuarios do porto. A maiores, a Consellería do Mar está ultimando o proxecto para reforzar e garantir a seguridade no interior da dársena, logo dos problemas provocados polas correntes na zona de abrigo que está pechada por unhas comportas.

Actuacións que, dende a confraría confían en que permitan facer máis operativo e atractivo o porto de Malpica, e que axuden a recuperar a relevancia que o sector pesqueiro e a lonxa local tiveron anos atrás no ámbito da Costa da Morte e de Galicia.

12 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.