Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 26 febrero 2021
02:11
h

Eliseo Lista: “Axudarei ao novo conserxe, cando me necesiten vou estar ahí”

Liso, como o coñecen todos, xubílase e deixa o CEIP Fogar, de Carballo // Alumnos, pais e profesores rendéronlle homenaxe

Eliseo Manuel Lista Theodosio, máis coñecido por Liso, xubílase o vindeiro xoves despois de 27 anos como conserxe no CEIP Fogar de Carballo, un dos colexios con máis alumnado de toda Galicia. Tratou a varias xeracións de carballeses, incluso avós que foron alumnos do centro teñen netos e netas que van agora ao Fogar. Pais, alumnos e docentes mostráronlle estos días o seu benquerer por todo o que fixo nesta etapa da súa vida.

Recorda como foi o primeiro día que cruzou a porta do CEIP Fogar de Carballo?

Estaba algo nervioso. Eu viñera de Suiza e estivera traballando uns anos en España ata que aprobei en Carballo a oposición como funcionario municipal e cheguei ao Fogar como conserxe. Por aquel momento había moito traballo e estaba eu só para un colexio tan grande. Recordo que nalgunha ocasión veu axudarme a miña muller a colgar os encerados. A maiores sempre contei coa axuda do profesorado que estivo presente en todo momento.

Cales son as principais tarefas que debe levar a cabo un conserxe?

Podería facer unha lista... Fotocopias, atender o correo, entrega de paquetes, entre outras. O conserxe encárgase de boa parte da organización do centro. Hai miles de chaves que nun principio estaban sen etiquetar e eu decidín facer un listado por orde alfabético para non perdernos. Os primeiros anos tamén segaba a herba e recollía as papeleiras. Isto agora xa non me correspondía a min porque xa teño unha idade.

Algún feito que o marcara?

Ao principio había no patio uns cubos de goma altos e grandes para que non voaran os papeis. Un día que estaba cortando na herba deixara ao lado un gabillo e uns rapaces abriron un dos cubos quedando intacto só o cú. Non o podía crer. Lembro que pensara: “as que vou ter que pasar aquí”. Pero ao contrario, os nenos sempre me mostraron o seu cariño e viñan xunto min. Ademais, pequenos e maiores saúdanme pola rúa e eso é un orgullo.

Foron 27 anos no centro. Considera aos nenos, profesores e pais como unha segunda familia?

Dende logo que si. A todos os nenos e nenas quérolles moito. Pode que algún levara un pequeno tirón de orellas ou recibira algún castigo pero nunca o fixen a mal. Víame na obriga de dar un pouco de cal e un pouco de area. Son moitos anos nos que cheguei a tratar con varias xeracións de carballeses. Coincidiu que alumnos que agora son xa avós teñen netos que tamén van ao Fogar.

Como viviu este ano marcado pola COVID?

Foi un ano complicado no que tivemos que tomar as precaucións que marcaba o protocolo. Cando un alumno chegaba tarde tiñamos que nós acompañalo directamente á clase. No comedor, que houbo que facer dous turnos, tamén tocou controlar o tema das máscaras. Tiñamos que organizar todo co fin de que non se xuntaran nenos de distintas aulas. Antes agrupábanse e era unha alegría pero agora non pode ser.

A comunidade educativa do centro rendeulle unha homenaxe estes días. Cóntenos como o viviu.

Recibín un cariño enorme de todos os nenos e tamén do alumnado do Instituto . Neste caso saíron ao campo de fútbol onde fan o recreo cunhas pancartas. Unha delas poñía: “Liso te queremos”. O luns recorrín as diferentes estancias do colexio entre os aplausos de todos. Onte pola mañá, (referente ao martes 22) estábanme esperando co colexio todo adornado destacando as distintas etapas da miña vida. Tamén recibín moitos agasallos do profesorado. E non me esquezo das cartas recibidas polos nenos, que lerei nas vindeiras semanas. Realmente síntome unha persoa moi afortunada.

Cree que botará de menos o centro?

Andarei por alí esta tempada xa que teño que ir axudar ao novo conserxe. É un colexio moi grande e son moitas tarefas a realizar polo que precisa apoio. Teño claro que sempre que me necesiten eu vou a estar ahí.

26 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.