Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 05 diciembre 2021
09:26
h

“En deuda con todas” chega este sábado ao Casino 1889 de Carballo

O documental da segunda sesión do Galidoc reflexiona sobre a penalización do aborto en El Salvador // A súa realizadora, María Lobo manterá o coloquio co público de xeito virtual

Carballo. A segunda sesión do Galidoc, ciclo de documentais do Casino 1889, acolle este sábado 23 ás 19:00 horas a proxección de En deuda con todas: unha historia sobre a penalización do aborto en El Salvador. Este documental foi guionizado e dirixido por Roi Guitián e María Lobo coa producción da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que cren no poder da comunicación como ferramenta de transformación social. O filme conta coa colaboración da Asemblea de Cooperación para a Paz (ACPP) e a Asociación de Promotores Comunales Salvadoreños (APROCSAL).

ARGUMENTO DA PROXECCIÓN. En deuda con todas é un documental social cun obxectivo político: chamar a atención sobre a vulneración de dereitos que sofren as mulleres salvadoreñas e contribuír, así, á loita dos colectivos feministas que -dentro do país centroamericano- esixen unha lexislación que non vulnere os Dereitos Humanos da metade da poboación e que se garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos ideolóxicos. Especialmente, para as nenas e as adolescentes máis vulnerables. O relato sostéñeno as súas propias protagonistas, desde ambos os dous lados dos muros do cárcere, lembrándolle ao mundo que despenalizar o aborto cando a saúde da nai corre perigo é tamén unha loita pola vida.

AFORO LIMITADO. A apertura de portas do Casino 1889 será ás 18:30 horas e a entrada é de balde por orde de chegada ata completar o aforo, moi limitado para manter a distancia interpersoal. A presentación comezará ás 19:00 horas , seguida da proxección do documental. Ao final do visionado do documental, haberá un coloquio co público e conectarase virtualmente coa súa realizadora, María Lobo.

TRAXECTORIA DO EQUIPO DIRECTIVO. María Lobo y Roi Guitián traballan en medios de comunicación desde hai 18 anos. Xa teñen colaborado nos equipos de produción e dirección en proxectos documentais como “Yindabad” (2007), premiado en 3 festivais internacionais e que narra a loita das tribos adivasicontra a construción dunha gran presa en India; “En el círculo” (2012), unha historia sobre saúde mental contada en primeira persoa polos participantes dun proxecto de inclusión a través do audiovisual. Ambos combinan a súa carreira xornalística con outros proxectos no eido da educación non formal, onde utilizan a comunicación como ferramenta para a participación social e para a cidadanía, como os webdocs “FaiRua” (2015) e “Round Trip Volunteering” (2018). Como freelances, traballaron para diversas televisións e produtoras de ámbito nacional e internacional. O seu primeiro documental como co-directores é “En deuda con todas” (2019), un traballo audiovisual creado para a incidencia política e para a defensa dos dereitos humanos en El Salvador, desenvolto no marco dun proxecto de cooperación internacional.

21 ene 2021 / 20:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.