Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Encontro de billardeiros de toda Galicia no Museo Etnolúdico de Galicia

M. L. Ponteceso. O campo exterior do Centro Cultural acolleu o XI Aberto de Billa de Ponteceso e a cuarta xornada da liga Atlántica de Billarda, xuntando a máis dun cento de “ billardeiros” convocados pola Fundación Ricardo Pérez y Verdes, o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), a Confederación Noroeste de Billarda e o Concello pontecesán.

Foron case sete horas de cultura e xogo. Viñeron participantes de Sansenxo, Vigo, Ferrol, Ribadeo, Somozas, Melide, Cerceda, Cabana, A Laracha, Paoisaco, Malpica, Laxe, A Coruña e As Pontes de García Rodriguez. Na categoría absoluta masculina o campeón foi Xosé Collazo, do equipo Campo da Feira de Paiosaco; o subcampión foi Xan Rodiño Lua, de Forza de Sansenxo; e o terceiro clasificado foi Antonio Viqueira, do Cochikeiros de Cerceda. Na rama feminina en categoría absoluta, o campionato foi para Marisa Casas do club Lúa de Forza, de Sanxenxo; o segundo posto para Auri Caamaño, de Campo dá Feira de Paiosaco; e o terceiro para Sonia García, de Cochikeiros.

Na categoría mixta infantil o campión foi Abel Ponche, de Campo da Feira de Paiosaco; o subcampión, Mickos Fontán, de Filloas A Coruña; e o terceiro clasificado foi Lucas Varela, de Campo da Feira de Paiosaco. Por equipos impuxose Campo da Feira de Paiosaco, a prata foi para Cochikeiros de Cerceda e o bronce para A. P. B. de Laracha. Todos os gañadores recibiron trofeos, entregados polo xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela.

Ao remate da xornada houbo unha pequena homenaxe a Jesús Andrade Pérez, natural de Ponteceso, un “ billardeiro ata a medula”, que aínda que coa súa delicada saúde, presenciou toda a proba e ao finalizar a mesma, recibiu da calor de todos os participantes, do seu equipo e da confederación, un obsequio consistente nunha torre de Hércules realizada en madeira polo artesán e xogador de billa José Gándara. Ricardo Pérez e Verdes, director do Melga, fíxolle entrega tamén dunha placa conmemorativa.

Como nota menos positiva, Pérez y Verdes lamentou que Ponteceso non achegase ningún xogador ao campionato. “Parécenos sinceramente lamentable, que a nosa infancia, mocidade ou senectude, non estea predisposta a representar ao noso pobo con orgullo, nunha actividade que só se organiza para beneficio da nosa xente. Tampouco ningún representante institucional fixo aparición na mesma. Francamente é desolador”, concluíu. M. L.

24 may 2021 / 17:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.