Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Entrega de premios e exposición dos traballos do concurso “Rúa dos Contos” en Malpica

Hoxe retómase a actividade cultural na Praza do Campo e no Centro Cívico// Representaranse diversas obras de teatro durante todo o mes

Malpica. Tras meses nos que a actividade cultural foi anulada, o Concello de Malpica acollerá ao longo do mes de marzo distintas representacións teatrais nas instalacións do Centro Cívico, ademais dunha nova edición do Certame de Poesía Erótica e da entrega de premios do concurso ‘Rúa dos Contos’.

En concreto, hoxe na Praza do Campo levarase a cabo un acto para galardoar ás persoas premiadas no certame de microrrelatos ‘Rúa dos Contos’, celebrado nos meses de abril e maio do ano pasado. O evento comezará ás 12:00 horas e só poderán acudir as e os vencedores do concurso. Tamén se inaugurará unha exposición pública dos traballos participantes.

Pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar un novo Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa XV edición. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

Mañá, a partir das 18:00 horas, será o turno da compañía Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller. A vindeira semana, o domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

As persoas interesadas en acudir deberán solicitar previamente as entradas chamando ao Departamento de Cultura, no 981 707 104, ou ao Concello, no 981 720 001. O aforo estará limitado ao 30% para garantir a seguridade das espectadoras e dos espectadores.

Dende o Concello fan un chamamento á responsabilidade individual para seguir cumprindo as medidas restritivas.

06 mar 2021 / 10:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.