Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Escolares de Caión correron pola paz nunha carreira solidaria

Recadaron 2.074 euros, que serán ingresados nunha conta de Cruz Vermella Española para axudar ás persoas afectadas polo conflito de Ucraína

Os alumnos e alumnas do CEIP de Caión botáronse ás rúas da vila mariñeira larachesa para participar na Segunda Carreira Solidaria e pola Paz coa mirada posta nos afectados polo conflito de Ucraína. A iniciativa serviu, ademais de promocionar o deporte, para recadar 2.074 euros que o centro ingresará na conta que Cruz Vermella Española ten destinada a axudar ás persoas afectadas pola guerra, “agradando que este pequeno xesto axude nesta terrible situación”, afirmou o director do colexio, José Roca.

Ao longo deste curso, no CEIP de Caión están traballando coas crianzas os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) “e pareceunos moi apropiado afondar no número 16 para promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas, sensibilizando ao alumnado sobre a situación actual que estamos vivindo”, engadiu Roca.

Fixeron fincapé no que se pode facer dende a pequena vila de Caión, “e decidimos aportar achegas económicas para paliar estes problemas que están a sufrir outras crianzas coma eles, pero que teñen a mala fortuna de estar a atravesar estas semanas tan duras”, subliñou.

O alumnado levou para casa o seus Pasaporte solidario que lles servía para ir anotando as achegas mentres solicitaban aos seus familiares e veciños que colaboraran coa causa. “A colaboración da comunidade educativa foi excepcional”, concluíu o director.

18 mar 2022 / 20:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.