Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CARBALLO. Expón ata o día 11 de abril no Pazo da Cultura a mostra ‘Nosa Terra’ // A través de dezaoito obras mestura lembranzas da infancia coa historia de Galicia // Asegura que a arte ten que ser social e amosar compromiso TEXTO Manuel Lavandeira

Estrea artística de Antón Díaz ‘Tucho’ cunha ollada ao pasado

O Pazo da Cultura da capital de Bergantiños acolle dende onte a exposición Nosa Terra, a primeira mostra do artista carballés Antón Díaz “Tucho”, na que Galicia é a gran protagonista e na que mestura recordos da infancia con obras inspiradas en grandes mestres galegos como Castelao, Seoane ou Laxeiro.

Natural do barrio de Chorís (Carballo), Tucho estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca e como el mesmo sinalou no acto inaugural da mostra, está dando os seus primeiros pasos profesionais. Faino rendendo homenaxe “á terra” que o viu nacer e a Galicia en xeral. Asegura que “a arte ten que ser social e comprometida”.

A maioría das obras que conforman a exposición son de recente creación, e só unha pequena parte naceron en 2019. Non obstante, “é un traballo mirando ao pasado” no que se reflexan “a nostalxia e os recordos do fogar dende a mirada propia dun neno”. Lembranzas que comparten espazo con outras pinturas que son froito dunha fonda investigación da arte galega por parte do autor carballés. Escenas que “amosan algo máis profundo e pretenden reivindicar e pór en valor o máis interno de Galicia”.

Aos carballeses e carballesas que se acheguen a visitar a mostra viranlle tamén á memoria moitas das súas lembranzas ao contemplar obras como a inspirada na dulcería vella de Carballo. A casa da xuventude do artista, nenos na praia de Baldaio, unha familia abrindo os agasallos de Reis ou un dos seus primos cunha centola dan forma a esa mirada ao pasado de Tucho, que proxecta a súa ollada máis alá de Carballo para plasmar tamén a súa lembranza do Prestige a través de voluntarios limpando o chapapote ou dunha xornada no parque acuático de Cerceda.

Asemade, o artista carballés recrea en Nosa Terra algúns dos clixés de Galicia en forma de paisaxes urbanas e marítimas ou reproducindo a parellas bailando, emulando figuras de Luis Seoane o mesmo as tradicionais cerámicas de Sargadelos, sempre nun senso figurado.

Ao acto inaugural da exposición asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quen subliñou que Antón Díaz, “aínda que é un artista moi novo xa ten unha traxectoria importante”. Convidou á veciñanza e aos visitantes que o desexen a visitar a mostra, que estará aberta ao público ata o domingo 11 de abril, de luns a venres de 18.30 a 21.00 horas, no primeiro andar do Pazo da Cultura.

Antón Díaz agradeceu ao Concello que se brindara a expoñer as súas obras e estendeu os seus agradecementos á súa “familia e amigos, pois sen o seu apoio e cariño non podería facer isto”.

CULTURA. Esta mostra enmárcase no amplo e variado programa cultural deseñado polo Concello carballés para esta primavera, que hoxe trae á capital de Bergantiños o espectáculo Tres vellas (polo menos) protagonizado por Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’. A cita comeza ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura, e as entradas pódense mercar anticipadamente en www.ataquilla.com ou ben 90 minutos antes do comezo da función na billeteira do propio espazo cultural. O prezo é de 4 euros a xeral, e 3 € a bonificada.

O domingo, día 21, a programación trasládase ao mercado municipal onde SU.MA presentará o espectáculo Ikigai a partir das 18.00 horas. Xogo e imaxinación, acrobacia aérea e voz cantada en directo serán os ingredIentes dun espectáculo onde a maxia nace do uso creativo dos elementos e da comunicación co espectador. A entrada é de balde.

18 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.