Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Fíos Fóra’ abre hoxe o ciclo de documentais Galidoc no Casino 1889 de Carballo

Hoxe comeza a segunda edición do Galidoc coa proxección de ‘Fíos Fóra’, historias de obreiras entre costuras e patróns. Comezará ás 19.00 horas e será a primeira sesión do ciclo de documentais do Casino 1889, na que participarán as súas autoras, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, de Illa Bufarda.

Esta longa documental percorre a historia do sector téxtil galego, onde desde os anos 60 as mulleres foron a man de obra fundamental para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Así vemos como a súa historia se repite a día de hoxe noutros lugares do mundo. O filme recolle os testimonios das traballadoras, así como de responsables de empresas do sector téxtil.

A actividade do Galidoc é gratuíta e a entrada realizarase a partir das 18:30 por orde de chegada ata completar o aforo da sala. Antes da proxección haberá unha pequena presentación de ‘Fíos Fóra’ e a sesión rematará cun coloquio coas autoras, no que o público poderá compartir as súas preguntas e reflexións arredor do documental.

Illa Bufarda, creadoras de ‘Fíos Fóra’

Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva fundan a produtora creativa Illa Bufarda no 2012 facendo múltiples traballos creativos multidisciplinares, sendo sempre a linguaxe audiovisual o centro no que pivotan. En todo este tempo adquiren experiencia na creación audiovisual, en todos os seus procesos, dende a idea á postprodución, tanto en formatos curtos como longos, sempre botando man de colaboracións profesionais para acadar un mellor resultado. Da Illa Bufarda saíron as longametraxes documentais “Fíos Fóra” (2015) e “Patrimonio Habitado” (2016). Tamén fixeron a mediametraxe “Aberto e con fume” (2017) e a curtametraxe “Isaac, editor da memoria” (2012) entre outras moitas e variadas producións. Dende maio do 2020 a equipa da produtora medra coa incorporación de Pilar Abades, fotógrafa e profesional da imaxe dende 2012.

16 ene 2021 / 17:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.