Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘FIOT en pausa’ e un programa teatral especial

Non se celebrará a 29 edición pero sí un festival reducido a tan só dez días

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) fai unha pausa no 2020 e non celebrará a súa 29 edición, pero a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo propoñen unha programación teatral especial entre os días 9 e 18 de outubro baixo o lema Fiot en pausa, na que apostan pola creación escénica galega.

“Ás veces, para continuar cómpre facer unha parada, coller folgos e reiniciar”, asegurou o director do FIOT, Alberto Sueiro, no Pazo da Cultura. Tomaron a decisión co obxectivo de poder garantir “o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun festival necesario para fornecer o tecido cultural e escénico de Galicia como da propia entidade cultural que promove a cita”, engadiu.

Recoñeceu que intentaron manter o festival ata o último momento, pero “aínda que na Costa da Morte estamos acostumados ao bater con fereza das ondas do Atlántico, nesta ocasión gardaremos toda a nosa bravura para asumir un novo reto: facer unha pausa que nos permita garantir o futuro do corazón das artes escénicas en Galicia”, sinalou.

Non obstante, o FIOT en pausa manterá o selo de calidade do festival carballés e achegará algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica. Pezas como Curva España, de Chévere (día 10); A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro (día 12); Liberto, de Rebordelos, que opta a sete galardóns nos Premios María Casares (día 17); ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (día 18), representaranse na capital de Bergantiños.

Ademais, a programación manterá o espírito de aposta pola creación escénica galega do festival e ofrecerá varias estreas absolutas e funcións de compañías e creadores da terra “nun exercicio de apoio e resistencia ao noso tecido”, aseverou Sueiro. É o caso de A xente 2.0, unha creación de María Vázquez e Víctor Duplá (día 16), ou Live, unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos (día 10).

Unha das singularidades máis salientables desta edición especial é a estrea absoluta dunha ficción sonora coproducida polo FIOT e LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible), na que a escenografía é unha selección da arte urbana que se atopa en Carballo. A lúa, válvula de spray será a primeira das creacións do FIOT Fónico, un proxecto que nace con vocación de continuidade.

O Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado ofrecerá outros seis espectáculos de nova creación, dos cales cinco serán estreas absolutas. Este apoio á creación local reforzarase cun proxecto paralelo de artes plásticas nomeado Pandemia. Novos retos. O resultado poderase ver nunha mostra colectiva que acollerá o Pazo da Cultura a partir do día 7.

22 sep 2020 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.