Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Formación para coidadoras e talleres de memoria en nove parroquias de Carballo

Carballo. Afaber Alzheimer Bergantiños clausurou os obradoiros formativos para mulleres coidadoras impartidos pola Fundación Mujeres no Pazo da Cultura de Carballo.

Un ciclo formativo no que abordaron, durante catro xornadas, os hábitos saudables e a importancia de que as coidadoras se coiden a sí mesmas. Para iso aprenderon as aputas que deben incorporar na súa vida diaria en relación á hixiene do sono, hábitos posturais e alimentación co fin de minimizar os problemas de saúde física e emocional ligados á carga do coidado.

Pola súa banda, nos cursos de memoria organizados polas concellarías de Benestar e Terceira Idade de Carballo están a participar 150 veciños e veciñas das parroquias de Lema, Noicela, Razo, Sofán, Verdillo, Sísamo, Ardaña, Cances e Carballo.

A actividade, que se prolongará ata o mes de maio, forma parte do programa municipal de envellecemento activo, que inclúe dúas sesións semanais de ximnasia para vinte grupos de participantes repartidos por 12 parroquias, baile todos os domingos e actividades para estimular a mente. Para estas últimas contan coa participación de dúas entidades sociais do concello: Afaber, que imparte os obradoiros de memoria, e a Cruz Vermella, que se encarga dos cursos para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles.

O presidente de Afaber, Jesús Villar, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, realizaron unha rolda de visitas a todos os centros sociais, e animaron ás persoas a aproveitar as ferramentas que se lles ofrecen para estimular a mente e retardar o avance dalgunhas das patoloxías máis comúns na terceira idade, porque, como sempre, di Maica Ures, “tan importante como coidar a saúde física é coidar a saúde mental”.

No concello de Carballo hai máis de 11.000 persoas maiores de 60 anos, que representan aproximadamente o 35 % da poboación. Mellorar a calidade de vida deste colectivo e fomentar o envellecemento activo durante o maior tempo posible é o gran obxectivo das iniciativas que promoven, e que ampliaron aínda máis despois da pandemia para axudar ás persoas maiores a recuperar pouco a pouco a súa actividade e as relacións sociais.

Nesa liña enmárcanse tamén os exitosos cursos para aprender a manexar os smartphones, nos que levan participado xa máis de 300 persoas. O día 29 de novembro rematou un taller en Cances e o xoves concluíu o de Bértoa. Xa está en marcha o último deste ano, que se celebrará os días 14, 15 e 20 de decembro no centro social de Artes. E despois do Nadal arrincará en Carballo o primeiro obradoiro do ano 2023.

As persoas interesadas aínda poden anotarse na sede da Cruz Vermella de Carballo, na Biblioteca Rego da Balsa, enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal e, no caso de Artes, tamén poñéndose en contacto cos membros do consello parroquial.

04 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.