Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Homenaxe a dous dos educadores das novas xeracións de cabaneses

Paco Abella Cruz finaliza a súa etapa docente e Ana Fuentes comeza un novo ciclo // Poesía, música e boas palabras encheron de emoción o acto

O Concello de Cabana de Bergantiños e a comunidade educativa déronse cita este martes no auditorio municipal para agradecer o traballo dos profesores Paco Abella Cruz e Ana Fuentes García, que finalizan a súa etapa docente no CPI As Revoltas despois de toda unha vida educando ás novas xeracións.

A emoción, as anécdotas, a poesía e a música encheron de maxia o acto no que Paco e Ana recibiron un agasallo (unha réplica do dolmen de Dombate) e o agarimo de todas as persoas que se sumaron á homenaxe aos dous docentes.

Paco Abella comezou a dar clase na escola cabanesa de Nantón no ano 1980. Dedicou toda a súa vida á ensinanza e na súa andadura profesional tampouco faltaron grandes amizades con compañeiros de gremio, como recordou o propio Paco na súa intervención e que despois reafirmaron as persoas que pasaron polo mesmo atril.

No CPI As Revoltas exerceu como xefe de estudos do 1998 a 2006 e foi director entre o 2007 e o 2011. Agora xubílase logo “do traballo dunha vida”, segundo afirmou. “Mañá será o último día que acuda ó centro de xeito non voluntario, pero quedarán moitos máis días nos que regreso de xeito libre”, dixo con retranca.

Ana Fuentes, pola súa banda, chegou ó centro cabanés no ano 2011. Asumiu a súa dirección desde o 2014 ata o 2019 e a partir do vindeiro curso emprenderá “unha nova aventura cunha mochila cargada de ilusión e moi bos recordos”, segundo contou emocionada no seu discurso de agradecemento.

Así, entre bágoas e sorrisos, o acto pechouse coa interpretación en directo de Un tempo en Cabana, unha canción composta por Silvia Losada e interpretada en dúo con Jorge Campos.

Á homenaxe sumáronse tamén o alcalde de Cabana, José Muíño; a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Sheila Recarey; así como Silvia Losada e Martín Martínez en representación do departamento de Cultura cabanés.

ALUMNOS. Ó longo da cita tamén houbo un momento para a participación de antigos alumnos dos homenaxeados, que quixeron así sumarse aos parabéns a quenes foron os seus mestres nas súas primeiras etapas formativas. Interviron Brais Rellán Cundíns, Sheila Fariña, Laura García, Xurxo Alfeirán, Alda Alfeirán, Vanesa García, e a exalumna Maria José Imia, que o fixo a través dunha mensaxe en vídeo.

29 jun 2021 / 18:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.