Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inaugurado o renovado albergue xuvenil de Cabana de Bergantiños

O Concello de Cabana inaugurou este venres o seu renovado albergue xuvenil, que será un dos principais promotores de actividades deportivas no municipio. Deuse así punto e final ás obras de reforma integral que acometeu a empresa concesionaria do espazo, Alalá Terra e Sons.

No acto de presentación oficial do recinto participaron o alcalde, José Muíño; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia Rivera; e diversos representantes de asociacións locais de Cabana.

Este novo espazo conta con capacidade para 45 persoas e será un dos principais organizadores de actividades deportivas e culturais no municipio durante os próximos meses. A súa localización privilexiada, a carón da praia do Pendón, permitirá coordinar a realización de campamentos de verán co aloxamento dos seus participantes.

O rexedor cabanés, José Muíño, mostrouse “totalmente convencido do éxito da iniciativa, que servirá para aproveitar o importante pulo do turismo deportivo xuvenil e a constitución da Costa da Morte como un destino clave en Galicia e no país”. “O albergue de Cabana será un eixo para os negocios hostaleiros da zona, xa que poderá aproveitar o importante fluxo de persoas que arrastra a rapazada e os deportes acuáticos en xeral”, engadiu.

Neste mesmo sentido, a directora de Turismo de Galicia, NavaCastro, destacou “a importancia da renovación deste espazo, non só no que atinxe ao mobiliario ou ás instalacións, se non no que se refire ao concepto do turismo sensorial”. “É unha aposta polo contacto coa natureza e a súa contorna para estar en harmonía con ela", concluíu.

Segundo explicou a xerente do establecemento na propia inauguración, xa non quedan reservas dispoñibles para os meses de xullo e agosto. “Esta mesma tarde contamos coa recepción dunha vintena de rapazas e rapaces que desfrutarán do espazo e das instalacións de primeira man”, explicou Mariluz Imia.

Alalá Terra e Sons realizou unha inversión que rolda os 70.000 euros logo de conseguir a concesión do espazo en xuño do 2020. Renováronse totalmente as liteiras, dotadas agora de cortinas, luces LED individuais e cargadores USB. Tamén se modificou a distribución dos tipos de habitacións, con estancias que van desde as catro ás oito camas, ademais dun novo espazo orientado a familias cunha cama de tamaño familiar e outras dúas camas niño.

Por outra banda, instaláronse sofás e un proxector para uso compartido na sala de convivencia, ademais de crear unha zona de traballo con ordenadores e conexión á rede para as persoas usuarias. Finalmente, renováronse as cadeiras e as mesas do comedor e procedeuse a instalar tarima no pavimento de gran parte das estancias.

12 jun 2021 / 08:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.