Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Insertados máis de medio cento dos participantes no programa de emprego larachés

Todas as accións foron enfocadas ao deseño dun perfil profesional adaptado a cada un dos seleccionados

A Laracha. O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e da Consellería de Emprego concluíu deixando un balance de 53 participantes -35 mulleres e 18 homes- que lograron o obxectivo da inserción laboral e outros 47 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a súa formación e competencias profesionais, superando así o propósito inicial, fixado no trinta e cinco por cento.

Este programa foi dirixido a cen laracheses que figuraban como demandantes de emprego. O obxectivo esencial foi facilitar a súa inserción laboral por medio da realización dun conxunto de accións organizadas arredor dun proceso individualizado dirixido ao crecemento persoal e profesional a través de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas en empresas e prospección e intermediación laboral.

Todas as accións desenvolvidas enfocáronse no deseño dun perfil profesional adaptado ás necesidades de cada participante e definindo os seus obxectivos laborais. As liñas de traballo estiveron baseadas en tres itinerarios profesionais: administración e servizos, actividades auxiliares de almacén e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Neste último itinerario, aqueles que superaron a formación e realizaron con éxito as prácticas recibirán o correspondente certificado de profesionalidade.

Por outra banda, leváronse a cabo cursos de diferentes temáticas co obxectivo de mellorar as competencias transversais en novas tecnoloxías e idiomas, así como a formación en técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego. Os participantes gozaron de medidas de axuda á conciliación que puxo a súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia percibiron unha bolsa diaria. M. L.

18 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.